O ENTROIDO DE XINZO NO SÉCULO XXI   . FEDERICO COCHO. REVISTA LHETES.

   O ENTROIDO DE XINZO NO SÉCULO XXI   

A revista Lethes "Cadernos culturais do Limia" no número 3, outono 2001,  publica un artículo sensacional de Federico Cocho que vou reproducir íntegramente. Realmente gústame, e penso que merece a pena.

O título:

"O entroido de Xinzo no século XXI".

Por certo felicitar a revista Lethes e decirlles que ánimo, que merece a pena.

Ver o artículo.

Sair.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

O ENTROIDO DE XINZO NO SÉCULO XXI  

 
O entroido de Xinzo no século XXI.

Federico Cocho.

Xornalista e Escritor.

    Tiveron que pasar moitos anos antes de que eu acabase de comprender por que meu pai teimaba en saír á rúa, vestido "de paisano", nas horas punta do Entroido de Xinzo. Eu, cativo asustado polo estrondo das pantallas, turraba del para que non cometese aquela osadía suicida que o convertía nun dos obxectivos estrela das pantallas.

  Pero D. Ángel sorría e repetía cada ano aquela pantomina, sinxela e fermosa, de botarse á rúa, camiño do noso colexio Santa Mariña, como que non quere a cosa, ou como se fose alleo ao risco que corría. O director non se disfrazaba, pero participaba na festa o seu xeito e, de paso -coma sempre, facendo pedagoxía-, dábanos un exemplo práctico de integración, agarimo e respeto polas festas populares autóctonas. Era un xeito de valorizalas pola súa autenticidade, por ser un signo de identidade local e polo ben social que representaba e representa para a vida de Xinzo a catarse colectiva do Entroido.

   Desde aqueles anos 60/70, nos que aínda o Carnaval estaba oficialmente prohibido, moito mudaron as cousas en Xinzo, como no resto do país. Os trascendentes cambios políticos abriron paso a espectaculares transformacións sociais, a evidentes melloras sociais e económicas, a cambios subtanciais nas mentalidades. Chegaron a democracia, a libertade política, as eleccións, a libertade de expresión, a secularización e desmilitarización da vida civil, o Estatuto de Autonomía, a dignificación do idioma galego, a recuperación da memoria histórica. Veu o divorcio, os dereitos das minorías, o respecto á orientación sexual, a emancipación da muller, a pluralidade televisiva, o Canal + dos venres, o vídeo, os grandes espectáculos a beira da casa, a informática, internet, os videoxogos, o fútbol galego na "champions", a urbanización das costumes e do estilo de vida, o mando a distancia, os caixeiros automáticos, a revolución dos modistos galegos, as grandes ou medianas "superficies comerciais", as autovías..... Entramos como tolos en Europa e mesmo cambiamos a moeda.

   Sei ben certo que tamén arramplamos con cousas malas, pero só se trataba de facer un pequeno esbozo das fondas transformacións que nas nosas pautas culturais, conscientes ou inconscientes, se produciron nos últimos vintecinco anos do século e do milenio anteriores. Vivimos moitos máis cambios nas mentalidades nese período que en décadas ou mesmo séculos.

  Espallouse a velocidade de vértixe a nova cultura de masas propiciada polos modernos medios de comunicación, entendendo por estas a televisión, os videoxogos, os xornais, o cine, as revistas, os discos compactos, os vídeos. Os sociologos introduciron novas matices no concepto de cultura popular, un termo que engloba agora tanto aquelo que centos de miles de persoas ven ou len ou e no que participan para divertirse (1). Isto é: ver  "Mareas vivas" tamén é hoxe cultura popular.

                             ----------------------------------------------------------

                             (1) A. Giddens, "Sociología" (Alianza Editorial 1990). Pág 466

                                            ---------------------------------------------------------

  Semellantes cambios sociais e culturais tamén se reflectiron nas festas populares. En especial no Entroido, a máis dinámica delas e, en Xinzo, a máis fondamente participada e vivida. Sen ir máis lonxe, o esmorecemento da aldea, da cosmovisión particular de cada aldea galega, levouse por diante tradicións sinxelas, pero seculares e íntimas, que artellaban un xeito de convivir, ver o mundo e estar nel. Os costumes do Carnaval que non varreran a maldita Guerra Civil ou a máis maldita represión posterior, esvaéronse logo cando os mozos liscaron masivamente a busca dun mundo mellor (2). 

¿Declive das tradicións?.

   Hai toda unha corrente de pensamentos que certifica o declive imparábel da tradición, das tradicións, fronte a modernidade. Digamos que esa liña de opinión parte da ilustración, que viu -non sen razón en certos casos- que o sistema de crenzas e superticións eran un freo á razón e ao progreso humano. O desenvolvemento das sociedades modernas levaría ao aniquilamento das tradicións. O mesmo Carlos Marx sería, no século seguinte, un dos grandes inimigos da tradición (3).

  A evolución dos acontecementos xa obrigou a revisar moitos destes postulados ou, cando menos, a matizalos. Baixo a idea xenérica de tradición englóbase quizais demasiadas e moi diferentes cousas, polo que esa xeneralización pode complicar notablemente a análise. A observación directa da realidade permite constatar que, en efecto, a medida que se foron desenvolvendo as sociedades modernas, moitas tradicións foron recuando. Desde logo, as que estaban vinculadas máis directamente as formas de traballo ou de organización social. Pensemos, por exemplo, nas mallas, que constituian un acontecemento laboral e festivo ata non hai moitos anos na comarca da Limia, ou nas crenzas sobre meigas, mal de ollo, Santa Compaña e demais.

 Por outra banda, é ben certo que moitas das tradicións mantivéronse conservadas máis tempo nas sociedades máis agrarias e menos desenvolvidas desde o punto de vista socioeconómico. Alí onde se impuxeron moi cedo as pautas de vida urbanas da sociedade industrial e/ou de servicios as transformacións foron máis evidentes. As vellas tradiccións desapareceron ou foron sustituidas por novos modelos ou novos sistemas de crenzas. O sociólogo británico Jhon B. Thompson, un dos grandes teóricos da sociedade mediática, dubida que a tradición sexa cousa do pasado e sostén que, en realidade o acceso os productos mediáticos déronlle novo pulo a tradición, "que se foi progresivamente liberando das limitacións da "interacción cara a cara" e adquiriu novas características distintivas" (4).

  A nós interésanos particularmente esa idea cando estamos a falar de tradicións festivas, en xeral, e do Entroido, en particular. Quizais non fai falta matinar demasiado para decatarse, como suxeriamos máis arriba, de que as tradicións festivas escapan por completo a ese criterio xeneralista de declive das tradicións. O ser humano é por natureza un "homo ludens" xa desde a súa primeira infancia (5). Séculos de desenvolmento non fixeron outra cousa que ir axeitando o espíritu festivo innato ás formas de convivencia e producción de cada momento. Aos limianos do século XXI non nos soa esaxerada a idea de que nas sociedades tradicionais os homes vivían recordando a festa pasada e esperando a seguinte (6), porque iso vén sucedendo desde sempre con respecto o entroido.

 -----------------------------------------------------------------

                      (2) F. Cocho. , "O carnaval en Galicia" (Edic. Xerais Vigo 1960). Páx18 e s.s.

                                (3) J.B. Thomson, "Los media y la modernidad" (E. Paidós, 1998) páx. 240

                                (4) j.b. tHOMPSON, OP CIT. PÁX. 23

                                (5)  j. hUIZINGA, "hOMO lUDENS" (aLIANZA eDITORIAL, Madrid 1972)

                                (6) P. Burke, "La Cultura popular en la Europa Moderna"(Alianza Univ. 1991) pax 258

                              --------------------------------------------------------------------

 

   Todos os anos, cando chega o tempo do Entroido e nos medios de comunicación aparecen reportaxes e artigos sobre o tema, é lugar común botar man dunha cita clásica de D. Julio Caro Baroja, antropólogo de referencia inescusábel en asuntos carnavalescos, que se arranca na primeira liña da súa obra fundamental (7) certificando sen paliativos a morte do Carnaval. O Antropólogo vasco atribúelle o falecemento a "Unha concepción da vida que non é nin pagá, nin anticristiá, senón simplemente secularizada".

   En certo sentido, só en certo sentido, o tempo foille dando a razón a Caro Baroja. Enfocando o Carnaval como un gran complexo de ideas contrapostas a Coresma con rituais profanos e vistos desde a perpectivas da fe na influencia de crenzas sobrenaturais algo diso pasou. Pero ninguén pode negar a forte rexurdimento que viviu o Entroido en Galicia nos últimos vintecinco anos. Xa non digamos en Xinzo de Limia onde a o mesmo tempo que o antropólogo facía estas reflexións, e a pesar das prohibicións e as ameazas de inferno, andaba media vila repartindo vexigazos e a outra media vestida de capuchón ou do que fose.

Transformacións

 

  Mudaron os tempos, pero o Entroido sobreviviu e reforzouse. Transformouse, iso si, porque como decía no comezo, houbo transformacións radicais na nosa vida individual e colectiva que o Carnaval foi quen de absorver. Dito de outro xeito, o Carnaval é como a enerxía: nin se crea, nin se destrue, só se transforma.

  Vexamos, só a título de exemplo, algúns dos conflitos e/ou modificacións que o cambio social foi xenerando na propia festa do Carnaval de Xinzo nos últimos 25 anos, tanto na súa compoñente ritual (as pantallas) como noutros aspectos de gran festa da burla e da risa:

.- A pantalla é unha máscara viril, representada desde sempre por homes, básicamente mozos. A incorporación de mulleres desencadenou unha forte polémica local, aínda aberta, a pesar da progresiva disminución das mulleres- pantalla.

Monumento a Pantalla en Xinzo. Foto do autor da www.

.-  O Entroido de Xinzo, como outros aspectos da vida, comercalízase. Non hai festas en aldeas e parroquias do Concello e dos Concellos veciños. Unha das consecuencias non desexadas será a dificultade de integración dos novos grupos de pantallas "foráneas", que tentan integrarse vestindo, non sempre co tino desexábel, o máximo símbolo da vila.

.- Do mesmo xeito que noutras festas populares de sona, produciuse un espectacular proceso de masificación, de confluencia de milleiros de visitantes nas rúas da vila nunha mera actitude de espectadores. Este proceso acabou coa intimidade da festa local.

.- Como consecuencia do aluvión de espectadores o Domingo e o Martes de Entroido, a poboación local refúxiase nos mediodías e na xornada do Luns, de xeito que, insospeitamente, se revitaliza un día que noutrora se consideraba de mera transición.

.- Desde o punto de vista temporal, sendo o de Xinzo, a influencia do calendario laboral actual fai que se vaia incorporando paulatinamente un sábado de Entroido.

.- A invasión transgresora do espacio público é unha das características propias da festa. Segue sendo así, aínda que se observe (agás no desfile) un repregue cara ás zonas vellas ou máis íntimas da vila, logo de anos teimando por conquistar "a carretera".

  Desbótanse os costumes rurais menos finos. As fareladas quedan reducidas a unha inocente batalliña infantil. Xinzo tampouco quere petardos nin fomenta os  "cichadores con auga".

.- Houbo moita controversia inicial co desfile do Martes de Entroido. O seu triunfo e seu estilo, mesmo coas pantallas "aliñadas" e incorporadas por ducias, son o maior símbolo da definitiva evolución do Carnaval de Xinzo cara a forma de expresión propias dos novos tempos urbanos e das dimensións funcionais da vila.

Fotografía Tomás Vega.  Folleto Entroido da Provincia . La Región.

.- Televisión e cine abriron de xeito ilimitado os motivos de disfraces e conparsas. A maior disponibilidade de recursos económicos e materiais sofisticou os disfraces e enriqueceu ostensiblemente a creatividade.

.- Definitivamente as pantallas deron o salto e convertéronse no símbolo local por excelencia, no seu logotipo. Protagonistas nos medios de comunicación galegos e españois, exhibidas nas rúas de "Madrid", con monumento propio á entrada da vila (ou á saída, segundo se mire) e punto de apoio inicial do Museo Galego do Entroido, xa en construción.

Monumento a Pantalla en Xinzo. Foto do autor da www.

 

 Poderíanse anotar máis indicios de cambio, pero abonda cos aquí resumidos. É evidente, como sinala Gil Calvo, que o proceso de modernización afectou á tradición festiva, en especial do Sur Europeo, onde a reforma protestante -moi belixerante coas festas populares- non triunfou, "pero non logrou destruír a vontade cidadá de facer festas, só se limitou a transformala" (8). O sociólogo aragonés, por certo, non se anda con rodeos e vai máis alá cando considera que "o entusiamo cívico e a efervescencia colectiva, máis favorecidos polos rituais festivos e a cultura carnavalesca que polos rituais ascéticos e a cultura puritana son os mellores catalizadores da modernización e do cambio social" (9).

 En realidade na investigación sociolóxica actual abundan os autores que refutan a tese de esmorecemento ou mesmo da morte das festas populares. Polo contrario, falan dunha "ampliación do espíritu festivo" (10), de que o estado de festa -no sentido máis fondo- que antes estaba ríxidamente restrinxido a determinadas datas do ano, converteuse hoxe nun estado permanente de festa, con novas e diversificadas liturxias festivas de raigaña urbanita (partidos de fútbol, concertos, discotecas, mitíns políticos, comidas de celebración, etc.) e co imperio.

 A constación empírica dos postulados teóricos de Thompson, Gil Calvo ou Delgado, non fai outra cousa que confirmalos. Como outras festas, o Carnaval chegou ao terceiro milenio transformado, como non podía ser de outro xeito. Pode que o cambio social implique a defunción doutras festas. Non, desde logo, do Entroido, festa vital e áxil que se axusta á alma de Xinzo como unha verdaira segunda pel.

Carnaval globalizado.

 

  Corren agora tempos de globalización. Os sistemas culturais, como os mercados, tenden a homoxeneizarse. Converxen. ¿Poderá nun futuro inmediato a globalización co Carnaval ou acabaremos festexando o Carnaval Global ? . Para que haxa unha cultura ten que haber unha memoria colectiva, e unha memoria colectiva non se improvisa porque fai falta unha historia común (11).

  Como se vén constando en todo o mundo, o proceso de globalización de mercados, medios e culturas, que ten en internet o seu máis máis grande icono, leva aparellado un curioso efecto "boomerang" que leva o fortalecemento das culturas locais, que se defenden do asoballamento homologador que impoñen as grandes industrias do ocio e a cultura do mundo occidental, fundamentalemente americanas.

   Tan é así que mesmo algúns dos grandes pensadores -que non arriscados gurús nin profetas estilo Negroponte- da chamada nova economía acaban por admitir que non poderá existir unha economía virtual baseada nunha comunidade exclusivamente virtual, sen ter en conta as culturas "locais".

   "Os mercados e as redes non se bastan por si sós, son institucións derivadas, a existencias das cales depende por completo da existencia dunha sólida comunidade cimentada na confianza social e en certa empatía", escribe Jeremy Riftkin. A conexión humana, di el, vai alén das transformacións electrónicas e as comunicacións entre ordenadores. "As conexións máis profundas danse sempre nun espacio xeográfico determinado (....) onde hai realmente intimidade e sen esta non é posibel crear nin verdadeira empatía, nin vínculos de confianza social".

------- ----------------------------------------------------------

                      (7) J. Caro Baroja. , "El Carnaval" (Edic. Taurus 1983). Páx25.

                                (8) Gil Calvo, "Estado de fiesta" (Espasa Calpe.Madrid 1991) páx. 117

                                (9) Gil Calvo OP CIT. PÁX. 203

                                (10)  M. Delgado "La festa a Catalunya avui" (Barcanova 1992) páx 155

   (11) J.L. Veira. "Los valores sociales entre el cambio y la continuidad" lección inaugural curso 97/98 en la Universidad de la Coruña)

                                 (12) J. Rifkin "La era de lacceso" (Paidós. Barcelona 2000). Páx.: 317

                                 (13) J. Rifkin, op. cit. páx. 323.

                              --------------------------------------------------------------------

Artículo aparecido na revista Lethes no número 3.

 

Monumento a Pantalla en Xinzo. Foto do autor da www.

Volver.