|
Autor do libro XOSÉ FERNÁNDEZ FERREIRO. "Morrer en Castrelo do Miño"
NOTA DEL AUTOR. 0
que eu chamo «conspiración do silencio» da que foi víctima esta novela
por parte de Fenosa e o inmenso poder que o conde do mesmo nome tiña en
toda Galicia -e fóra dela-, penso que é algo que debe ser coñecido polos
lectores desta nova edición. Situémonos nos tempos en que ocorreron os
feitos. Morrer
en Castrelo do Miño foi publicada
en 1978, uns doce anos despois de ter acontecido os sucesos que nela se
relatan. Era a miña segunda novela. Sendo un tema que tivo tanta
transcendencia e eco en Galicia -e mesmo no resto do Estado- do que os
medios de comunicación se ocuparon amplamente no seu día, resulta polo
menos sospeitoso o silencio que recibiu o libro nos citados medios galegos
cando apareceu nas librerías, aínda tendo en conta o escaso espacio que
estes lles dedican sempre ás novidades editoriais. Só
La Voz de Galicia -da
que eu era redactor publicou un comentario encargado polo director, Xoán
Ramón Díaz, ó tamén redactor Xosé Luís Vilela. Foi, penso eu, un
comentario de compromiso e de deferencia cun traballador da casa. Ou quizais
para evitar publicar outros, porque presións sei que as había por parte
de Fenosa. «Non se publicarán máis traballos sobre a túa novela -chegou
a dicirme o director- Só se publicará o de Carlos Casares, se é que o
manda.» Carlos Casares asinaba daquela unha sección semanal titulada «A
ledicia de ler», onde facía reseñas de libros recentes, como as fixo de A
morte de Frank González, A saga
dun afiador e outras novelas miñas. 0 traballo de Carlos Casares non
chegou. E se chegou non saíu. É algo que descoñezo. Tamén
o meu amigo, redactor por aqueles anos de El Ideal Gallego, Xosé Antonio Gaciño, publicou. unha breve nota
na que relacionaba Morrer en Castrelo
do Miño con 0 vello e o mar de
Hemingway, tema sobre o que logo insistiría Arturo Lezcano, igualmente
compañeiro e amigo meu na redacción de La
Voz de Galicia. Ningunha
outra publicación galega deo noticia da aparición da novela. Supoño que a
man alongada de Fenosa por aqueles tempos tivo algo que ver no asunto. Sen
embargo, dous importantes periódicos de Madrid, ocupáronse dela. Foron ABC
e mais Pueblo. 0 comentario -ou,
crítica- do primeiro estaba asinado por Celso Emilio Ferreiro. 0 segundo,
por Miguel González Garcés. Dúas personalidades ben coñecidas por todos. Con
motivo da publicación do libro, Luis Caparrós, xefe de relacións públicas
de Fenosa, que fora redactor de La Voz
de Galicia e daquela seguía a colaborar frecuentemente no xornal,
mandoulle un artigo ó director no que nos poñía pingando tanto a min como
á novela. Naturalmente, o director -anque Fenosa pesaba moito no citado
rotativo por razóns que non veñen ó caso- non publicou o escrito de
Caparrós. Foi o propio director quen me informou da existencia do mesmo,
dicíndome que sendo eu redactor de La
Voz non o ía publicar porque non lle parecía procedente. Eu díxenlle,
pola miña parte, que o publicase, que non tiña ningún inconveniente en
que o artigo de Luis Caparrós contra a novela e contra min vise a luz -sería
propaganda-, dado que eu sempre admitín as críticas, fosen boas ou malas,
tanto no terreo do xornalismo coma no da creación literaria, e se teño
recibido alabanzas tamén me teñen posto a caer dun burro. Total, que o
traballo do xefe de relacións públicas de Fenosa non saíu. ó mellor só
foi para evitar posibles polémicas. 0
curioso é que Luis Caparrós -un andaluz moi simpático e non mala persoa-
en máís dunha ocasión se tiña referido a min de maneira moi eloxiosa nos
seus artigos periodísticos, especialmente polas miñas crónicas nas «páxinas
galegas» de ABC. Pero tamén teño que dicir, sen resabio de ningún tipo
contra el, que cando xurdiu o problema do salto de Castrelo do Miño -ata
onde me despracei varias veces para facer reportaxes e crónicas sobre o
suceso (o pobo estaba en pé de guerra)- Luis Caparrós chegou a dicirme que
«non me ocupase tanto do tema», «que xa estaba ben». Incluso me confesou
que lle «sacaba o sono». Textual. Eu
contesteille que el, no fondo -como xornalista que era e home amigo da
xustiza e da verdade, que defendía, aínda que sobre outros temas, nos
seus escritos-, tiña que estar de acordo comigo. É dicir, coas miñas
críticas
contra Fenosa e as miñas simpatías polos veciños de Castrelo. «Comprendo
-díxenlle- que defendas á empresa para a que traballas que é a que te
mantén a ti e ós teus fillos de maneira moi xenerosa. É algo que me
parece lóxico. Tal vez eu fixese o mesmo no teu caso. Servilismos que un
ten que aceptar. E aí seguramente estás comigo.» Entendeuno. Por eso
sempre seguimos mantendo unhas relacións cordiais, ata que morreu, aínda
que en frontes opostas, naturalmente, no que atinxía ó «caso» de
Castrelo. «Amiguiños si, Luis -díxenlle outro día na redacción de La
Voz de Galicia-
pero
como dicimos nós os galegos, a vaquiña polo que vale. Ti debes defender os
intereses
de Fenosa, sendo como es o seu xefe de relacións públicas, pero eu debo
defender os intereses da xente á que lle van inundar as terras. Agradézoche
que o entendas tamén.» Desde entón nunca máis me volveu dicir nada, aínda
que sei que non lle parecía ben o que escribía. Porque eu, gota a gota,
deixaba caer as miñas críticas -ás veces ben acedas- contra
Fenosa e contra o encoro de Castrelo do Miño. A
novela foi presentada na librería Arenas dos Cantóns coruñeses polo
profesor Varela Jácome. Do acto tampouco se ocupou ninguén. Unicamente La
Hoja del Lunes da Coruña, que era editada pola Asociación da Prensa á
que eu pertencía -e pertenzo- e dirixida polo meu compañeiro de La
Voz de Galicia, Emilio Merino, publicou unha cumprida reseña do acto
cunha fotografía do mesmo. A
primeira edición de Morrer en
Castrelo do Miño foi publicada por Ediciós do Castro, cunha portada de
Xosé Díaz na que aparecía un poste da conducción eléctrica co coñecido
letreiro da caveira e a lenda «perigo de morte». A segunda edición,
facsimilar, lanzouna Diario 16 de
Galicia hai uns anos. Esta que aparece agora é a terceira. Actualicei
o idioma e tamén lle din uns retoques ó texto, pero non alteran para nada
a primeira versión. Xosé
Fernández Ferreiro A Coruña, 1995
|