Arredor do meu río. Xosé Bergantiños.

Arredor do meu río.

Máis cun libro de pesca, é un libro sobre os ríos, contado por un amante da pesca e dos ríos.

O autor fala do seu río, nun libro fermoso  para amantes dos ríos , das fontes e dos camiños galegos.

Merece a pena, da gusto leer este libro, o autor demostra  unha sensibilidade digna dos mellores pescadores.

O libro está dedicado a :

"ANXO BERGANTIÑOS MIRAGAYA, meu pai, que era moito home de Diós".

A verdade, unha dedicatoria que me enche de ledicia, realmente é moi bonita....

Trozos do libro (o libro ten 27 relatos):

 

Xosé Bergantiños. Autor do libro.

Xose Bergantiños Miragaya.

O autor naceu en Guitiriz no ano 1936. Oficial da Armada, traballou longos anos na Bazán e logo na empresa privada.

Actualmente na reserva, fai un pouco de todo: escribe, camiña, pilla algunha troita de cando en vez e está cada día máis preto de atopar o misterio agachado máis alá dos ríos, das fontes e dos camiños.

O libro está publicado en 1996  na Editorial "Ir Indo" de Vigo.

Volver.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Delicto ecolóxico.

  Onte estiven de novo no meu río.   Había varios días que sentía a súa chamada. Bo desgusto o que me deu. Agora vos conto.

   Saín cedo da casa cun ceo cheo de nubes que foi clarexando conforme me fun achegando ó río. Unha paradiña na Fonte Santa para beber un groliño de auga, como xa é costume, e logo todo a feito ata a ponte da Roda Maía para lle facer unhas fotografías. Leva xa un bo caudal, coas augas limpas de sempre correndo lixeiras río abaixo, como se tivesen presa por chegar ó seu destino.

   As árbores teñen a cor do ouro bello, que é o que lles cómpre nestas datas. ¡ Quen soubese pintar !.

   De seguido subín  o monte chamado Penedo do Boi, a uns seiscentos metros de altitude, coa idea de baixar de novo o río. Alí, sobre unhas penas, senteime a xantar algo e, ó mesmo tempo, a admira-la paisaxe. Por riba de min soamente o pico Serrón Gordo, con case setecentos metros; debaixo o río, alá no fondal, a uns trescentos metros, deixando oír con toda nitidez o discorrer das augas na súa desenfrenada carreira.

   Vai crecido o meu río despois das últimas choivas, ¿ ou é que vai fero polo que estou a piques de ver dentro de pouco?.

   Ata agora o tempo é bo, con nubes e claros que orixinan unhas raiolas moi agradables. De súpeto, por entre os montes, vexo vír unha gran neboeira que o cobre todo a gran velocidade, e en pouco tempo encóntrome no medio e medio dela sen poder ver máis alá dos meus pés; só unha espesa brétema ofrecendo unha visión que me fixo pensar no que pode se-lo-infinito ou a nada, que debe se-lo mesmo.

   Decídome por fin a baixar de novo ó río e fágoo por unha pista, oio ruído de máquinas e, ó da-la volta, vexo unha pa desas xigantes que tal semellan montros doutros tempos e que fan nunha hora o mesmo traballo que vinte homes nun día, atendidas por un só. Outros dous homes manexando martelos neumáticos arranxan barrenos para voar uns penedos.

   Unha vez que saudei e preguntei, infórmanme de que a pista vaise unir con outra que están a facer na central sobre do río o que xa pouco lles falta para chegar cabo dela.

   Sigo coa miña andaina, moi abraiado polo que acabo de oír, cismando que están profanando o meu río, que están matando o seu encanto e que dentro de pouco estará cheo de coches, de xente, de nenos e de lixo.

   Repentinamente, sobresaíndo sobre das árbores, vexo xurdi-la estructura metálica dun grandísimo guindastre e aló en baixo, xa no río, no mesmo Pozo do Castro Rodicio, unha arrepiante fábrica de cemento armado que non é máis que o muro de contención dun encoro, pero a min me asemella unha ferida na paisaxe.

Ilustración do libro. Autor J. González Collado.

( As ilustracións son de J. González Collado)

   Acércome moi alporizado, e xa dende cerca podo ve-la maior das aldraxes que se lle pode facer a un río. Resulta que como o muro está en construcción, teñen que darlle saída a auga, e fano por .... un tubo de ferro duns oitenta centímetros de diámetro. Eu dígovos que é unha afronta moi grande meter toda a fermosura dun río por un cano enferruxado.

   ¿ Que vai ser do meu río cando estea construído o encoro se, dende a central, augas arriba del van desaparecer asolagados varios quilómetros das súas fermosas ribeiras?.

  ¿ A que se lle ocurreu este proxecto ? ¿ Fixo alguén un estudio ecolóxico do río, dos montes, das árbores e tódolos seres que son os verdadeiros donos del ?.

¿ Preguntoulles alguén ás aguias, ós buxatos, ós lobos, á xineta e ó martiño peixeiro ?.

   ¿Pode alguén amosarme un papel asinado por estos animais onde figure abaixo á esquerda o visto e prace daquela troita de tres quilos que ainda vai polo río coas miñas gafas postas ?.

   ¿Quen son os beneficiarios da central ?. ¿ Pode alguén asegurarme que os homes que viven á beira do meu río van ser máis felices de agora en adiante?.

   Agora xa sei por que me chamaba o río, pero eu, desgraciadamente, só podo denuncia-lo caso e así o fago dende estas liñas.

   Emprendo o camiño de volta ben desacougado polo que acababa de ver e cunha idea fixa nos miolos: dentro duns meses, cando empece a tempada das troitas, ¿ que hei facer cando chegue ó río e debaixo de cada árbore atope un pescantín deses da cidade que, cuns aparellos noviños de todo que dá noxo velos, o único que fan é  embala-las troitas e escarallo-lo río ? E, o que é máis grave, ¿ que hei facer cando dentro de poucos anos, ou meses, xa non queden troitas no meu río, esgotadas polas malas artes, pola avaricia e polo lixo ?.

Subir.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

A VOLTA COAS TROITAS.

"O MEU REINO POR UNHA TROITA" (j.j. Moralejo)

  Ai, as troitas, cantos traballiños me fan pasar! Esta vez foi por terras de Aranga, Cambás e A Reborica, regatos afluentes do Mandeo, limpos e saltaríns que por forza teñen que ser troiteiros.

   Recordo que hai uns corenta anos o meu tío Suso, un contratista de obras chamado Vidal e mais eu, entre os tres  colléramos cento vinte troitas nunha xornada de pesca por esos regatos. A culleriña o Sr. Vidal e con miñoca nós. Eu, con doce anos, pillara a máis grande, medio quilo de troita. Pouco fachendoso que volvín para a casa, con ela enriba das outras amosando o rabo por fóra do cesto.

( As ilustracións son de J. González Collado)

   Pois onte, nada de nada. Escollémo-lo mellor sitio. Probamos con culleriña, con mosca e aínda co besbello; nin picada. Cando decidimos deixa-lo río, moi convencidos de que non picaban porque o día non era bo, atopamos un troiteiro que levaba unha ducia delas no cesto. Pescaba a culleriña, con ferro, como din eles, e .... era manco. Non me preguntedes como facía.

   Isto recórdame, hai moitos anos, outro chasco nunha xornada de pesca co meu pai. Collémo-lo "curto" en Guitiriz e baixamos no apeadeiro de Aranga; dende alí a pé pola vía chegamos ó Mandeo, que por aquela zona vai xa bastante grandiño. Tras nós baixou outro pescantín que andou vixiando o que facíamos, como se quixera depreender de nós.

- Non debe ter nin idea- comenteille eu ó meu pai.

  Pasámolo día no río. Boa merenda, bo viño na bota  e ...poucas troitas, catro ou cinco se non recordo mal.

Xa ó cae-la tardiña, atopámo-lo suposto pescantín, e preguntoume como ía a cousa.

-Mal -contesteille eu con aires de entendido-, non pican nada. Só pillamos cinco, e pequenas.

-¿Como é posible?- díxome el ó mesmo que me amosaba o cesto cheo das máis fermosas troitas que vin na miña vida.

  Nós, seguramente por vergonza, recollémo-las nosas canas e fomos cando aquel home que, pescando con saltón, tiraba troitas fora do río, unha tras outra, ó mesmo tempo que nos dicía:

-¡Se é moi fácil!

  Por estas historias que vos conto xa podedes ver cal é a diferencia entre un troiteiro e un pescantín, que aínda hai clases neste choio da pesca das troitas; non hai máis que consulta-lo diccionario.

  O Crisanto de Parga, de denantes de ir para o río xa vendía as troitas polas casas da aldea -¡ a nove reais o quilo!-, non cabe dúbida que era un troiteiro.

  Outro troiteiro de sona foi Don Eduardo de la Peña y López de Neira, coñecido por Biribí, que fixo da pesca das troitas un arte.

  Pescatíns hai moitos máis. Só tendes que ir ó río os primeiros días de tempada, aló por marzo, e xa veredes que luxo de equipos novos, chalecos, carretes, canas, botas e cestos que arrepía velos.

  Eu, á vista dos resultados de hoxe e doutros días, quérolle propoñer ó Sr. Moralejo, ese que escribe das troitas, que cambie, xa que é letrado, a expresión verbal "pillar troitas", completamente irregular, polo sintagma verbal "non pillar troitas", moito máis regular, de tal xeito que se podía decir "vou a non pillar troitas ó Eume", poño por caso, e que todo o mundo o entenda.

  Cansos e desilusionados deixámo-lo río e regresamos ó mesmo tempo que se desataba unha gran tormenta.

 ¡Pero xa veredes cando haxa saltóns nos prados!.

            Cántame no peito.

             paxariño lindo

             que con Xesús falas

             no teu asubío.

Subir.