Presentación da serie de Selos do Ano Santo Compostelán 1999

Ángel Baspino Pazos

Boletín del Círculo Filatélico Numismático Sant-Yago 2, 1999

Ir al Círculo Filatélico Numismático Sant-Yago

Segundo a historia, o corpo do Apóstolo Santiago o Maior foi trasladado aló polo ano 44 ou 45 polos seus discípulos Teodoro e Atanasio nunha barca, desde Xerusalén a unha ría do país dos galecos ou Gallaecia e enterrado nas proximidades dun pobo chamado Iria Flavia, a actual Padrón.

Posteriormente foi trasladado a outro lugar para protexelo da profanación das hordas alleas que de cando en vez se achegaban a estas terras, sobre todo ás zonas costeiras. Co tempo, o lugar do novo enterramento dos restos esqueceuse.

Durante moitos anos, este lugar estivo descoñecido, ata que o día 24 de xullo do ano 813 foi descuberto polo ermitán Paio, próximo a un castro onde hoxe se atopa a igrexa de San Fiz de Solobio en Santiago. A este lugar déuselle en chamar Campus Stelae, e de aquí procede o actual nome de Compostela.

O achado destes restos foi posto en coñecemento do rei de Galicia e Asturias, Afonso II O Casto, quen de inmediato se trasladou a este lugar e ordenou construír unha pequena igrexa, que foi o berce da actual catedral.

Este feito espallouse inmediatamente por tódolos países europeos, comezando un fluxo de peregrinos a este lugar, o que deu lugar a que se delimitaran uns camiños cara ó sepulcro do Apóstolo por diversas rutas que atravesaban a Hispania polo norte desde os Pirineos e tamén polo sur.

Pero, sen dúbida ningunha, o camiño máis percorrido foi o que se deu en chamar Camiño de Santiago, que na Hispania comezaba na gorxa de Roncesvalles, no Pirineo oeste, e pasaba polos actuais territorios de Navarra, Logroño, Burgos, Palencia, León, Lugo e, finalmente, A Coruña, provincia esta á que pertencía o lugar onde foran atopados os restos do Apóstolo.

Como tódolos Anos Santos Composteláns desde 1937, coa única excepción de 1948, os servicios postais españois dedican neste caso unha serie de selos á celebración deste acontecemento en 1999, que son os que amosamos nesta mesma páxina. A serie foi presentada á sociedade galega no Clube Internacional de prensa en Santiago de Compostela o día 3 de marzo de 1999, polo ministro de Cultura, Mariano Rajoy.