¡¡¿¿Unha peza de Xubia en prata??!!
Ricardo Luís Pita Fernández
Boletín do Círculo Filatélico Numismático Sant-Yago 2, 1999
Ir ao Círculo Filatélico Numismático Sant-Yago
Recentemente, a coñecida casa de subhastas catalana Áureo levou a cabo a poxa dunha impresionante colección de medallas, entre as que destacaba unha grande cantidade de pezas de proclamación de reis de España, algunhas escasísimas, outras inéditas e todas en conservacións moi dignas.
Para min, e seguramente para tódolos afeccionados á numismática galega, brillaba sobre tódolos demais o lote número 638, descrito como "1843. El Ferrol. Módulo 2 reales. (Ha.7, en bronce). Rara", cun prezo de saída de 7.000 pesetas e unha valoración estimativa de 15.000.
Aínda que non se mencionaba explicitamente, o feito de lle asignar un módulo de dous reás, a referencia ó catálogo de Herrera matizando que neste se cataloga en cobre, a cualificación de rara e a valoración que dela se facía en máis do dobre do prezo doutras pezas similares que se ofrecían a continuación cuñadas en bronce, tal e como se coñecen ata agora, e en igual estado de circulación, facían pensar que a peza ofertada estaba realmente cuñada sobre un cospel de prata; extremo este que posteriormente me confirmou con toda claridade a casa subhastadora, a requirimento meu por escrito, para aclara-la mínima dúbida que quedaba tras le-la descrición da peza no catálogo.
Así as cousas, calquera pode imaxinar que para un coleccionista de moedas desta procedencia a aparición dunha peza cuñada na ceca de Xubia nun metal inédito ata agora neste taller galego supón unha noticia de extrema importancia, máxime cando ademais se pon ó seu alcance facer unha oferta para intenta-la súa adquisición.
E así foi que non só quen isto escribe, senón tamén outros coleccionistas, nos decidimos a envia-las nosas poxas, constituíndome eu no afortunado participante a quen se lle adxudicou.
Pero á recepción da peza, trala súa detida análise coa axuda da lupa, este crédulo numismático tivo necesariamente que espertar de tan delicioso soño. ¡O meu gozo nun pozo! A suposta peza inédita, o único exemplar coñecido dunha peza de Xubia cuñada en prata, resultou non ser máis cá coñecidísima peza de cobre, que fora sometida a un baño de prata, moi logrado, iso si, agás nunhas escamiñas do anverso baixo as que se podía apreciar con toda claridade a cor cobriza orixinal do cospel. Loxicamente, pola mesma vía que chegou ás miñas mans, o meu presunto tesouro branco emprendeu inmediatamente viaxe de regreso á súa orixe, coas conseguintes desculpas da casa subhastadora ante tan lamentable despiste.
Por suposto, non está no meu ánimo facer unha crítica a esta casa á hora de redactar este escrito; apreciemos mellor as decenas de miles de pezas subhastadas ata agora con éxito, co prestixio e coa profesionalidade sobradamente demostrada ata o momento por esta entidade, e non cun erro puntual que, aínda que sen dúbida non se debería ter producido, sabemos entender e desculpar. O que realmente se pretende é lembrar a todos cantos se alegraron polo coñecemento da existencia desta inédita cuñación que, tal e como entendiamos ata o día de hoxe, a medalla de proclamación da maioría de idade da raíña Isabel II en Ferrol, saída da ceca de Xubia, foi exclusivamente cuñada en cobre. ¡O noso gozo nun pozo!