A Real Casa da Moeda de Xubia

Ricardo Luís Pita Fernández

Boletín do Círculo Filatélico Numismático Sant-Yago 1, 1998

Ir ao Círculo Filatélico Numismático Sant-Yago

Desde a primeira cuñación coñecida de moeda en Galicia, atribuída a un taller móbil asentado na cidade de Lugo ou as súas proximidades e á época de Octavio Augusto, a historia de Galicia viuse salpicada con certa periodicidade con distintas emisións, en ocasións relacionadas con feitos históricos moi concretos e procedentes de cecas localizadas en diferentes lugares da súa xeografía. Compostela, A Coruña, Lugo o Valdeorras son só unha pequena mostra destes enxeños establecidos en territorio galaico.

De todos eles, o de Xubia é, posiblemente, o que máis interese desperta entre os coleccionistas. Quizá este feito se deba a que se trata do último en desenvolve-la súa actividade cuñatoria, o que leva consigo unha perfección nos cuños e a maquinaria que imprime nas moedas unha beleza non alcanzada nos cobres de épocas anteriores.

A denominada Fábrica Nacional de Moeda e Cobrería de Xubia, que cuñou pezas de cobre durante os reinados de Fernando VII e Isabel II, estaba situada na coruñesa vila do mesmo nome, na parte do Concello de Neda limítrofe co de Narón, onde o río Xubia se funde coa Ría de Ferrol. Actualmente, naquelas primitivas instalacións, hoxe xa moi modernizadas, desenvolve a súa actividade a importante fábrica de tecidos Galicia Textil.

No seu libro titulado Historia y descripción de la ciudad y departamento naval del Ferrol, publicada en 1859 cando aínda se desenvolvían nela os labores de amonedación, Montero y Aróstegui describía con estas palabras as instalacións e o recinto da factoría: "A porta principal atópase ó lado da ponte polo que desemboca na Ría o río Xubia. Ata alí poden atracar buques de 80 a 100 toneladas, xa que as mareas elevan as augas ata tres metros. Sobre a porta obsténtase un grande e precioso escudo coas Armas Reais labrado en cobre. A casa da superintendencia, cun xardín á súa fronte e cos pavillóns laterais para habitacións dos empregados, presenta unha vista fermosísima, en medio dos arboredos e hortas que rodean aquel establecemento polas marxes do Xubia. Ó seu lado hai unha fermosa capela coa advocación de San Xoán Gualberto, patrón da fábrica. Entrando nela, vense á esquerda os edificios que serven para a tesourería, sala de balanzas, contaduría, almacéns e talleres de fundición. Á fronte vense as laminerías para a elaboración de pranchas e á dereita as ferrerías e outros talleres, a oficina de gravados e a de volantes. (...) No centro érguese unha torre co seu reloxo. (...) O encoro áchase a algunha distancia e está construída con toda solidez sobre o río. Desde el vén a auga necesaria por medio dunha ancho canle ata un depósito que se sitúa sobre os talleres, que conteñen as máquinas. Unha robusta e extensa muralla pecha a grande superficie que contén aquel pintoresco recinto".

Actualmente, no interior desta vasta extensión de 350.000 metros cadrados perdura moi pouco do seu primitivo semblante. A impresionante muralla que a circunda ó largo da marxe esquerda do río mantense practicamente no seu estado orixinal e loce unha placa na que se conmemora o momento da súa conclusión: "Siendo Superintendente el S. D. Man. Fern. Flórez se construyó. Año de 1819". En semellante estado mantéñense o encoro e as canalizacións, rodeadas de arboredos, que aínda hoxe están en funcionamento e constitúen un contorno de singular beleza, e a pequena capela que citaba Montero y Aróstegui. Tamén se conserva o elegante escudo, que hoxe se expón restaurado no interior dos xardíns, despois de que un accidente de circulación o desprazara hai uns anos do seu lugar orixinario.

A súa historia

A raíz da Real Orde do día 6 de agosto de 1790 determinouse a necesidade de instituír na comarca ferrolá a que nun principio se denominou Fábrica Nacional de Cobrería, coa misión inicial de subministrar á mariña real española pezas de cobre para a forraxe dos seus navíos, que se construían nos estaleiros veciños. Tralos pertinentes permisos, dotación do persoal, construcción dos edificios e instalación da maquinaria pertinente, e baixo a inspección de don Eugenio Izquierdo, Director do Gabinete de Historia Natural, comezará o seu labor arredor do ano 1803, ampliando os seus cometidos nos anos seguintes a tarefas como a laminación, construcción de parafusos e cravos e, mesmo, fabricación de fusís atendendo ás demandas que ocasionaba a guerra contra o invasor francés.

Precisamente este contencioso bélico será o que inicie os acontecementos que darán lugar ó nacemento da fábrica de moeda, tendo en conta que a ceca máis próxima a Galicia, a de Segovia, estaba neses momentos ocupada polos exércitos napoleónicos e cuñaba moeda a nome de Xosé I, situación que se sucederá ata o ano 1815. Baixo esta coxuntura política, 1811 converterase na primeira data clave en relación co interese numismático da fábrica de Xubia. Nese ano, mediante un Decreto das Cortes Xerais do día 12 de marzo, instábase o Consello da Rexencia para abrir unha nova casa de moeda que abastecera de circulante de cobre o noroeste peninsular e que estudios previos aconsellaban situar na comarca ferrolá, concedéndolle ó Consello a facultade de situala no lugar que estimasen máis oportuno. Días despois, no Decreto do día 11 de maio, disponse que a nova ceca se instale na fábrica de Xubia, aproveitando así as súas instalacións.

Don Nicolás Lamas foi o primeiro director da factoría en quen recaeu a responsabilidade das cuñacións da nova ceca, aínda que en breve tempo foi sucedido nas súas funcións por un novo superintendente chamado Andrés Antelo (1813), a quen posteriormente sucederon don Manuel Fernández Flórez en 1816, don Jacinto Martínez de Ariza en 1840 e don José María de Osorno en 1848. Don Manuel Cuerbo, primeiro mestre de moeda, e don Antonio Carpio, gravador, foron os responsables técnicos que puxeron a anda-la nova aventura.

No propio ano de 1811 está datada a primeira moeda emitida, a escasísima peza de oito marabedís. De tódolos xeitos, da documentación que hoxe conservamos despréndese que as máquinas destinadas á cuñación non estiveron dispostas para o seu uso ata 1812, data na que consta que os organismos oficiais pertinentes recibiron as primeiras probas para a súa aprobación. Por tanto, non semella aventurado considerar que as moedas datadas en 1811 fosen cuñadas realmente en 1812 con cuños elaborados no ano anterior, servindo entón só como probas, o que explica ó mismo tiempo a súa extraordinaria escaseza no mercado numismático actual.

Canto á titularidade da factoría, exceptuando o período da Guerra da Independencia, durante o que esta recaeu na Xunta Superior de Armamento e Defensa de Galicia, será a Dirección Xeral de Fincas do Estado, dependente do Ministerio da Facenda, quen a obstente con regularidade, do mesmo modo que sucede coas restantes cecas do reino.

Con posterioridade a estes primeiros avatares que levaron á organización e posta en marcha da nova ceca, a vixencia das súas actividades de amonedación extenderase durante cincuenta e sete anos, aínda que é importante sinalar que a súa producción non foi lineal, senón que padeceu algúns períodos de inactividade. Desde a súa inauguración e ata 1827 sucédense ininterrumpidamente as emisións pero, este ano, pola Real Orde do día 8 de xuño, díctase a paralización das cuñacións e a fábrica céntrase na producción de folla de lata. Esta situación mantense ata 1833, primeiro ano do reinado de Isabel II, cando a Real Orde do 27 de decembro establece que se volva a bater moeda, incluíndo xa os cuños e lendas alusivos á nova reina. Tras esta reapertura retómanse as cuñacións coa emisión de 1835.

A Real Orde do 28 de agosto de 1850 establece que cese novamente a amoedación, o que se leva a cabo en decembro do mesmo ano, centrándose entón a factoría na elaboración de pranchas e cravos metálicos. Tras esta nova paréntese, entre 1866 e 1868 sairán da Real Casa da Moeda de Xubia as súas derradeiras emisións.

A partir deste momento, os acontecementos que se suceden en relación coa factoría que abeirou a máis recente das cecas de Galicia carecen dun interese directo para o interesado pola Numismática, pois a súa relación con ela é nula. A modo de resumen, digamos que o cese das cuñacións coincide coa clausura total da factoría, que non volverá funcionar ata a perda da súa titularidade pública. Na Real Orde do 25 de agosto de 1868 a finca e instalacións son ofertadas en subhasta pública e pasan a mans privadas. Desde entón foron diversos os propietarios, aínda que o seu destino estivo sempre ligado á confección e a fábrica de tecidos.

As súas emisións

Durante todo o período do reinado de Fernando VII, as emisións da Real Casa da Moeda de Xubia baseáronse no sistema de cobre emanado da pragmática de 1566 que establece o marabedí como unidade monetaria de cobre e que viña sendo tradicional desde entón en tódalas cuñacións destinadas á circulación xeral no Reino de España. Canto ós seus motivos e lendas, o modelo que se segue é o que fora xa establecido por Carlos III en 1770, consistente no busto real e lenda alusiva a el no anverso e a cruz do Infante don Paio no reverso, cantonada de castelos e leóns. Baixo este sistema emítense en Xubia moedas de un, dous, catro e oito marabedís entre 1811 e 1827.

A etapa de Isabel II é, en cambio, moito máis rica en modelos. Aínda que non se cuñen en Xubia tódolos valores, si hai unha importante representación dos tres sistemas nos que se basea a circulación monetaria deste período. Desde as primeiras series cuñadas en 1835 ata 1850, as emisións isabelinas da fábrica de Xubia continúan basicamente os modelos anteriores, aínda que se xeneraliza o uso das lendas gravadas en castelán (e non en latín) divididas entre o anverso e o reverso, que xa foran ensaiadas por Fernando VII nas pezas de oito marabedís de 1822 e 1823. Do mesmo modo ca aquel, Isabel II emite tódolos valores entre un e oito marabedís.

En 1850 simultanéase este sistema co novo establecido dous anos antes, de carácter decimal, co real de bellón como unidade monetaria, dividida en dez décimas. Baixo este sistema cúñase en Xubia unicamente o valor de medio real ou cinco décimas, para o que coñecémo-lo dato de que foi nomeado un novo gravador, don Andrés Rodríguez, encargado de elabora-los novos cuños.

Finalmente, entre 1866 e 1868, as derradeiras emisións do taller galego baséanse no último sistema establecido antes da oficialización da peseta como unidade monetaria do reino. Trátase do escudo de prata, dividido en cen céntimos, do que se cuñan en Xubia tódolos valores fraccionarios, é dicir, medio, un, dous e medio e cinco céntimos de escudo.

Ademais das moedas destinadas á circulación, non convén tampouco pasar por alto a cuñación de medallas dedicadas a motivos diversos, dotadas dun importante interese histórico e avaladas pola oficialidade de ser emitidas por unha ceca do Estado. Algúns autores aseguran que existiu unha medalla emitida en 1812 conmemorando a nova Constitución promulgada ese mesmo ano, aínda que hoxe non parece haber constancia da súa especie física. O historiador Montero y Aróstegui descríbea parcialmente na súa obra antes citada de 1859 da seguiente maneira: A/ nihil civitate proestantivs qvam leges rectae positae. R/ Armas de Ferrol. en la augusta proclamacion a 23 de julio de 1812. Máis coñecida é a medalla de proclamación da maioría de idade de Isabel II datada en 1843, coas seguintes lendas. A/ isabel ii reina constitucional. R/ ferrol en su augusta proclamacion, 1º de diciembre de 1843. Ademais destas, coñecemos hoxe unha peza con data de 1853 dotada coa marca de ceca JA , da que ignorámo-lo motivo conmemorado por carecer de lendas, e outra de 1854 dedicada ó Sr. Bispo de Mondoñedo, cabeza da xurisdicción eclesiástica que abrangue toda a comarca de Ferrolterra e, por tanto, tamén a vila de Xubia.

Como anteriormente se apuntou, a actividade da fábrica de moeda de Xubia conclúe, como a da maior parte das cecas do Reino, en 1868. O Real Decreto do 19 de ouctubro dese ano establecía un novo sistema coa peseta como unidade monetaria, dividida en cen céntimos, do que inicialmente se cuñaron en Barcelona as pezas de cobre e en Madrid as de prata e ouro, para acabar centralizándose en Madrid a acuñación de tódalas moedas emitidas polo poder real.

 

Marcas de ceca de Xubia.

Sistema: maraedí.

J - JA

Sistema: real.

J

Sistema: escudo.

Estrela de catro puntas.

Medallas.

JA - jubia