GALICIA 2020

  XOSÉ BENITO REZA

 ( Foi enxeneiro da Consellería de medio Ambiente en Ourense; posteriormente 2005 a 2009 foi Director da Consellería de Medio Ambiente da Xunta. Actualmente está en Madrid nun posto de relevancia dentro do Medio Ambiente).

ALGÚNS ASPECTOS DA POLÍTICA AMBIENTAL GALEGA.

 

 

Nota do autor da páxina WWW.

¿Por qué poño este artigo na miña páxina www?.

Sinxelamente, a miña páxina defende a natureza galega, e nos últimos meses do 2000 e agora no 2001 non é nada optimista con esa Galicia. Vexo unha auténtica desidia por parte da Consellería de Medio Ambiente, vexo un "deixar facer" vergonzoso, vexo un deterioro día sí e día tamén en toda Galicia. Non vexo que os galegos "miren pola natureza". Non se educa para a natureza. Os galegos "nin coñecemos a nosa natureza, nin aprendemos sobre ela."  Non son optimista.

O artígo de Xosé Benito Reza, ten para mín unha importancia fundamental i é un aire fresco, unha esperanza, toda vez que el é un inxeneiro que traballa dentro dunha Consellería, que naceu para facer algo pola natureza de Galicia. Si é certo que hai máis xente como el dentro dos responsables da política de Medio Ambiente, entonces inda queda unha esperanza.

Por eso poño este artigo : POR QUE É UN AIRE DA SERRA, UN AIRE QUE CHEIRA A FRESCO E QUE NON CHEIRA A QUEIMADO E PUTREFACTO. UNHA ESPERANZA PARA GALICIA.

¡¡¡¡ GRACIAS XOSÉ BENITO, UNHA APERTA !!!!.

OURENSE 17/01/2001.

O lector internauta, darlle un consello por Galicia: imprime este texto, xa que é moi longo; logo con calma, lees o texto e seguidamente daraste conta de que é sensacional. Fai copias e dallo os teus amigos.

Estarás a facer algo polo mellor que temos...Galicia e a súa natureza.


 

ALGÚNS ASPECTOS DA POLÍTICA AMBIENTAL GALEGA.

Xosé Benito Reza.

 

     Soñar, din, non custa nada. É, sen embargo, o crisol onde nacen os soños e a materia da que se nutren é a mesma coa que modelamos a nosa propia vida, coa que creamos riqueza, coa que forxamos un futuro que pretendemos sempre mellor na procura da calidade de vida e do benestar social que a todos incumbe. Ben certo é, e por iso acepto agora este reto para cavilar en Galicia, para esculcar os camiños do destino, para pescudar nas bondades e miserias das políticas que están a desenvolverse no noso país, para, a fin de contas, ir abrindo camiño e procurar un futuro mellor para todos nós.

     Para que calquera analista se convierta en adiviño do que é, do que será, ou do que pode ser, debe entrar a valorar necesariamente os aspectos globais que condicionan o noso mundo, que determinan os obxectivos e os instrumentos de calquera política sectorial que se precie, xa sexan sociais, económicos, ou culturais. Debemos, segundo o lema pola OMS en 1990, "cavilar globalmente e actuar localmente ". Hoxe as persoas cada vez saben máis de menos cousas ata que rematan por non saber nada.  Entendo que dende os proxectos aparentemente máis sinxelos e inxenuos que se desenvolvan no noso país, sempre debemos aplicar unha visión global e integradora que contemple o territorio como un espacio conciliador se, na complementariedade das medidas, na necesaria coordinación e cooperación entre todos os axentes e actores e as distintas administracións públicas con competencia no territorio, no respecto á diversidade sexa do tipo que sexa ademáis da ecolóxica. Algo de urxente aplicación en canto a política ambiental se refire, polas súas especiais circunstancias, polas súas singularidades e connotacións, polos factores que hoxe están a modificar irreversiblemente a nosa sociedade, porque o medio ambiente só pode entenderse como un conxunto de elementos diversos -sociais, económicos, culturais, naturais-, que están constantemente interaccionando co individuo e que nos obrigan a incorporar múltiples variables no desenvolvemento dos seus programas e proxectos. Porque, como dixo o Ministro Matas, a horizontalidade do concepto ambiental debe sustituir necesariamente o carácter sectorial típico das outras políticas e impregnar todos os sectores productivos.

    O medio natural, a fauna, a flora, a xeomorfoloxía, as paisaxes, a diversidade biolóxica, os usos tradicionais, os recursos xenéticos autóctonos, son valores locais de indiscutible potencial futuro fronte a globalización que pretende uniformalo todo. A partir dos anos setenta, froito do innegable crecemento económico e incremento na calidade de vida dos paises hexemónicos, xorde unha corriente conservacionista que cala en moitos daqueles gobernos e fai que comecen, baixo unha cada vez máis forte, e ás veces alporizante, presión social, a tomar conciencia do grave deterioro ambiental que está a sufrir o planeta, da progresiva e alarmante taxa de perda de biodiversidade que afecta a todos os ecosistemas, da importancia das nosas paisaxes como expresión do noso patrimonio cultural, ecolóxico e social, da importancia dos nosos recursos xenéticos como resultado esperanzador da experiencia, da manipulación da vida silvestre, e do esforzo do home a través das xeneracións por conseguir individuos e variedades xenéticas adaptadas as súas necesidades, da importancia dos habitats seminaturais ou agrosistemas xestionados polos nosos agricultores e gandeiros que a penas mudaron ó longo das centurias, posuidores dunha valiosísima diversidade  biolóxica de perda imperdoable, da importancia, en fin, dos coñecementos adquiridos sobre as especies explotables e os usos tradicionais aplicados durante séculos, non só como patrimonio cultural que é do noso pobo senón especialmente en consideración o elevado grao de sostibilidade acadado ó longo das centurias e como resultado das leis que rexen a mera supervivencia. Froito destas preocupacións e inquedanzas abrolla unha fervenza de disposicións legais relativas á conservación do medio ambiente, primeiro dende o ámbito internacional para ir logo paseniñamente traspoñéndose ó noso ordenamente xurídico estatal e autonómico, como son, o Convenio Ramsar sobre humedais de importancia internacional de 1971, a Convención de Washington sobre o comercio internacional de especies ameazadas de 1973, os convenios de Berna sobre conservación da vida silvestre e o medio natural, e de Bonn sobre especies migratorias de 1979, e especialmente polas súas implicacións no seu da Unión, as Directivas Comunitarias relativas á evaluación das repercusións de determinados proxectos públicos e privados sobre o medio ambiente de 1985 e 1997, a Directiva 79/409/CEE relativa á conservación das aves silvestres, e a directiva 92/43/CEE relativa a conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres. Esta última directiva chamada "Hábitats" está a representar o maior desafio pero tamén a maior esperanza para a conservación no medio natural de Europa.

      É evidente que Galicia está aínda hoxe moi lonxe de asumir nun grao aceptable os compromisos ambientais derivados do novo marco comunitario onde nos movemos, sobre todos si temos en conta que as deficiencias crónicas que vimos padecendo secularmente e as novas esixencias de globalización obrígannos a procurar o noso desenvolvemento a través de importantes infraestructuras de comunicación, do impulso a industrialización, do aproveitamento dos recursos naturais, do fomento das enerxías alternativas, dunha intensificación das explotacións, dunha, en definitiva, modernización, activades moitas delas en clara confrontación cunha política de protección da natureza. Galicia precisa con urxencia unha política de ordenación territorial axeitada ás súas peculiaridades e ás súas necesidades, que considere a sostibilidade como un parámetro a ter en conta no seu desenvolvemento, uns instrumentos como os plans de ordeación do medio físico que precisamente polo seu amplio alcance e o seu carácter integrador na ordenación dos usos do solo deben de se converter tamén nuns instrumentos de primeira magnitude para a defensa do medio natural galego e a promoción dos usos sostibles no territorio, sen menoscabo do seu desenvolvemento territorial. A integración nun modelo único -como di Precedo-, das políticas territoriais, económicas, sociais, e medioambientais, baseada nos principios de coordinación, subsidiariedade, complementariedade, e cooperación, representa tamén unha esperanza no porvir do mundo rural galego neste novo milenio que agora comeza, como solucións ás políticas asistenciais que manteñen ó campo sen máis aliciente que as axudas e subvencións nun estado agónico de permanente marxinación, latencia e indiferencia.

    De entre os sectores de máis patente afección ó medio ambiente está o mineiro. Galicia, tanto no que se refire ó subsector da pedra ornamental como ó da lousa, é unha rexión punteira a nivel mundial, con Porriño e a conca do Sil como principais referentes, cunha facturación anual de 100.000 millóns de pesetas e cunha producción nas 80 canteiras existentes a nivel galego que supera as 700.000 Tm, explotadas por 350 empresas con preto de 2.500 traballadores. Este sector é sen dúbida un piar de primeira orde na economía galega, cunha producción que supón o 40% do granito e o 80% da lousa de todo o Estado, cunhas vendas en lousa de 50.000 millóns o pasado ano, e cunha achega do 13% ó PIB industrial galego. Sen embargo, tamén é evidente que este sector, polo tipo de aproveitamento duns recursos naturais non renovables, pola situación e dispersión xeográfica das explotacións, pola incidencia da actividade no contorno durante a vida útil da canteira, é tamén hoxe o máis agresivo o máis impactante co medio natural galego. Un sector en clara confrontación coa protección do medio ambiente, onde a analise e a explotación de alternativas e a adopción de medidas correctoras minimizadoras do impacto ambiental son dificilmente asumibles polo sector dada a dimensión e repercusión social e económica que ten a nivel do noso país, e por iso a actividade necesita de medidas decisivas para o seu regulamento e control. A producción de po, ruído, contaminación de ríos e acuíferos, procesos erosivos e de sedimentación, e sobre todo a xeración de escombreiras e a alteración do medio perceptual son algúns dos impactos que é preciso correxir e minorar. Na actualidade o inmobilismo da administración e a resistencia do sector fronte á adopción de medidas que necesariamente supoñan un incremento dos custos de explotación son unha traba importante para a corrección de impactos e a integración paisaxística das canteiras. Un bo exemplo témola na zona da lousa ós grandes estragos producidos por estas explotacións durante moitos anos -alteración substancial da paisaxe, xeración de entullos con ata 15.000 Tm. anuais de residuos de explotación, contaminación dos ríos por esborrallamentos, deslizamentos e po de lousa nos aserradoiros, aínda non contamos cun Pacto Ambiental que garanta a continuidade das explotacións pero que asegure tamén a adopción de medidas correctoras durante a fase de funcionamento e contemple as operacións extractivas como usos transitorios do territorio e non terminais, necesitados dun reacondicionamento final. Como exemplo a seguir temos as areeiras da Limia ourensá onde puxemos en marcha en colaboración cos empresarios un proxecto de restauración das explotacións abandonadas de áridos para reconverter as lagoas xeradas pola explotación, debido á proximidade da capa freática, en refuxio de anátidas e doutra avifauna acuática, tan abondosa outrora na lagoa de Antela.

   Sen embargo, e malia o sinalado anteriormente, é hoxe o sector enerxético o que está a xerar máis alarma social e fervenzas de tinta nos medios de comunicación. A política do Plan Enerxético Nacional para 1991-2000 ía dirixida efectivamente á procura do dificil equilibrio entre os diferentes obxectivos a conseguir: potenciación dos recursos autóctonos, diversificación, miniminación de custos e protección ambiental; en particular de cara á promoción de enerxías limpas e renovables. Malia o dito, este obxectivo xeral está moi lonxe de acadarse na situación actual. A política de minicentrais hidroeléctricas, baseada en primeira instancia nos obxectivos anteriormente expostos, presupón a construcción de máis de 300 destas instalacións na nosa comunidade autónoma con potencia de 5.000 Kwh, e cun apoio político e económico que non se lle escapa a ninguén por parte das institucións autonómicas e estatais. Supoño que ninguén dubida, en principio, da bondade dos obxectivos sinalados por canto pretenden, como se dixo, a promoción de enerxías limpas e alternativas a, por exemplo, centrais nucleares ou térmicas, con emisións de xofre e CO2 causantes da chamada chuvia ácida que tantos problemas está a xerar nos bosques de Europa Central ou do efecto invernadoiro pola queima de combustibles fósiles. Sen embargo, á vista da importante producción enerxética xerada nos grandes encoros galegos xestionados por Fenosa, Iberdrola ou Endesa, á vista dos estragos ambientais producidos por estes últimos nos ríos do noso país -outrora salmoneiros-, e á vista do importe do recibo da luz que lle pasan a cada galego, un pregúntase necesariamente se en verdade estes innumerables proxectos son tan inocuos e beneficiosos, e se en verdade é preciso que a sociedade galega teña que asumir no futuro 2020 todos os custos ambientais derivados sa súa implantación. En primeiro lugar está claro que o sector é e debe ser a nivel do estado moi activo e inquedo por canto conta cun apoio institucional que xa lle gustaría ter a outros sectores deprimidos da nosa economía, con 334.000 millóns de pesetas do Plan Enerxético Nacional considerado como unha estratexia de Aforro e Eficiencia Enerxética, e conta ademais con importantes e eficaces avances tecnolóxicos con equipos normalizados e telemandos. Ademais as innumerables correntes fluviais que surcan o noso territorio en todas as direccións converten a Galicia nun paraiso de primeira orde para calquer promotor, con 1.643 Kms de rede fluvial contando só os cursos principais dos 25 primeiros ríos do país. Estos feitos e realidades supuxeron xa, no primeiro intre, que Galicia se vira como a galiña dos ovos de ouro para múltiples empresas, tanto foráneas como autóctonas de nova creación, empresas que entraron en guerra total para ver quén delas acadaba a parte do león. A maior abondamento, este sector, ó contrario do que sucede co mineiro, xerador de beneficios a sociedade, pois traballa en terra allea que ten que pagar e xera un importante nivel de man de obra, emprega un ben público que é a auga e a penas dá traballo dada a intensa automatización. Por último resulta extremadamente tranquilizador para o promotor saber que toda a producción enerxética vai ser adquirida e distribuída inmediatamente a través das redes de reparto dos grandes monopolios. Son todos eles factores e circunstancias que xa de por si, obviamente, animarían a calquera promotor a tentar minimizar a importancia dos impactos previstos. Incluso a adoptar, se fora necesario, severas e costosas medidas de sensibilización social se observan risco nos seus proxectos. Evidentemente son moitos e variados os impactos causados na producción hidroeléctrica como son a implantación de obras transversais ( presas) que impiden a libre circulación das especies migradoras como o salmón, o reo, a anguía, a lamprea, a alosa ou o sábalo; a alteración da calidade das augas; os procesos erosivos, o impacto visual , e a destrucción do bosque hidrófilo de ribeira pola construcción de infraestructuras como pistas de acceso, canles de derivación ou redes de distribución; a modificación de leitos e marxes; a alteración substancial da dinámica do río en canto a canles fluíntes, perímetro mollado, ou temperatura da auga nos períodos de turbinación e amoreamento; destrucción de áreas de freza; mortandade nas turbinas, reixas e canles;disminución substancial de capturas na práctica da pesca deportiva, etc, e sobre todo a detracción da canle e a reducción drástica da corrente fluínte do río ó longo de varios quilómetros. É loable que a Consellería de Medio Ambiente abrira, por fin, varios expedientes sancionadores por incumprimento das medidas correctoras establecidas nos dictames ambientais emitidos por cada proxecto e por incumprimento no disposto na vixente Lei de Pesca Fluvial de Galicia 7/1992. En definitiva, Galicia non pode asumir na magnitude que se pretende, os impactos derivados deste aproveitamentos hidroeléctricos, máxime cando sabemos que non van supoñer máis aló do 5% da nosa producción exerxética autóctona, por moito que o recén presentado Libro Branco da Enerxía Galega aposte polas enerxías renovables e polo aproveitamento dos recursos propios, e malia aque os promotores estean a anunciar insistentemente que a lexislación vixente lles permite dobrar a actual potencia de 150 MW. Non hai moito, varios profesores da Universidade de Santiago solicitaron unha moratoria neste eido apuntando que se trata dun negocio particular e fabuloso causante de danos irreparables ós nosos ecosistemas fluviais. A Xunta de Galicia deberá examinar e analizar detidamente, admitir e rexeitar con independencia, sen arbitrariedades, con eficacia e profesionalidade, cada concesión, cada proxecto, sen máis interese có derivado do propio interese social, na defensa do medio ambiente, e do progreso ¡naturalmente !.

      Os parques eólicos son hoxe outro cabalo de batalla que resoa estrepitosamente polos despachos e serras da nosa terra. Hai moitos políticos que están a soñar cunha Galicia autosuficiente, de feito espérase que o autoabastecemento enerxético medre do 40 ó 55% nos vindeiros dez anos, sería marabilloso en verdade; aínda que iso non supoña para nós grandes vantaxes comparativas e sigan os alcaldes a través da FEGAMP berrando constamente  polo canon que din que lles corresponde. Os parque eólicos representan sen dúbida unha boa alternativa no emprega das enerxías limpas e baratas. A importancia do recurso animoui á Xunta de Galicia a probar un Plan Enerxético Galego para potenciar este tipo de aproveitamentos, e dalgún xeito dar carta branca ós promotores. Seguindo as pautas establecidas no "Libro Branco das Enerxías Renovables" a Comisión Europea propuso como obxectivo no horizonte do ano 2010 que o 12% da enerxía primaria consumida nos estados da Unión sexa de orixen renovable. Neste marco, o Consello Galego de Medio Ambiente dictamina favorablemente o Plan Eólico de Galicia que se aproba como Plan Sectorial de incidencia supramunicipal, cunha producción estimada de 3150 MW no horizonto do 2010, o que supón chegar ata o 15%. Agora ben, para as eólicas estamos de novo, con certas matizacións, no caso anterior das minicentrais hidroeléctricas. Co plano da situación á vista non hai unha serra galega que se precie de selo que non teña previsto un parque eólico. Xa desde o primeiro intre atopámonos con posturas claramente enfrontadas, como aconteceu co proxecto da Serra do Xistral. Ten esta serra unhas turbeiras de cobertor que están consideradas como as máis importantes de Europa, un depósito e un libro onde poder ler polo miúdo, entre outros, os procesos climáticos do noso país ó longo dos milenios. E, sen embargo, temos que ceder en moitos caos ante a insistente e tenaz presión da política enerxética asumida institucionalmente con todas as súas consecuencias. Sei que se están a facer grandes esforzos desde varios departamentos da Xunta de Galicia, caso por exemplo da fixación das canles ecolóxicas para as minicentrais, por compatibilizar estes aproveitamentos coa persevación dos valores naturais do territorio, por exemplo na procura de alternativas de localizacións de aeroxeneradores. Entendo que é o mellor xeito de facer as cousas, de feito moitas das localizacións seleccionadas coinciden con lugares de interese comunitario propostos a súa inclusión na rede Natura 2000 : Xistral, Candal, Careón, Trevinca, Leboreiro; o mesmo acontece co Courel e coas explotacións mineiras de lousa que alí se pretenden abrir, ou na Serra da Lastra e as calcarias de CEDIE. En cada caso haberá que analizar e evaliar polo miúdo a situación de cada acción, o seu impacto, os valores naturais do territorio, o emprazamento dos habitats de interese comunitario detectados. Sei tamén que se están a facer bos estudios por expertos e compañeiros competentes, e ese é o camiño a seguir de cara o futuro se queremos facer as cousas dignamente, con racionalidade, con respecto a criterios científicos e técnicos, ponderando na súa xusta medida tanto a afección ós procesos ecolóxicos como os beneficios socioeconómicos derivados da execución do proxecto en cuestión. Con todo o respectabilisimo don Isaac Diaz Pardo, apunta a propósito das eólicas "...... é unha das operacións máis escandalosas que se están a montar en Galicia con gran cabreo dos máis importantes xeógrafos e arquitectos-paisaxistas da Galicia e de fóra..." e que "o recurso máis valioso que é a enerxía, que era nosa, ficará xa toda ela en mans foráneas". A avaliación do impacto ambiental é, hoxe por hoxe, o mellor instrumento para asegurar a incompatibilidade dos proxectos, todos desexamos, encarecidamente, que se comencen a cumprir eficazmente, sen máis demora, os dictames ambientais con todas as súas consecuencias.

       Dicía Castelao en Sempre en Galiza que cando un galego saiba o que vale unha árbore deixará de emigrar. Cavilando nos incendios que estragan Galicia ano tras ano e en quen o produce, penso que aínda estamos moi lonxe de rematar coa emigración. Máis da metade de España -26 de 50 millóns de hectáreas- é terreo forestal, e de cara o 2020 será xunto con Polonia e Francia o país onde máis medrara o bosque a conta das terras abandonadas. En Galicia, según o recentísimo Inventario Forestal Nacional, contamos con 1.879.892 hectáreas forestais das que 1.424.727 hectáreas están arboradas con 389.488 de piñeiro do país (P. pinaster), 296.494 de carballos veriños e cerquiños ( Q. robur e pyrenaica), e 177.679 de eucaliptus, fundamentalmente da especie globulus, apuntando un incremento en frondosas autóctonas do 60% con respecto do último inventario de 1986. Algúns grupos ecoloxistas protestaron frente a estos datos aducindo propaganda institucional. Eu non vou entrar neste tema, pois cústame dubidar da bondade do inventario feito por profesionais, entrarei nos asuntos que en verdade me preocupan.O que está claro a vista dos datos deste inventario ou do anterior é que Galicia é unha potencia forestal, cousa que abofé xa sabía Castelao. Galicia ten enormes posibilidades de desenvolvemento neste subsector estratéxico pois, por desgracia, o mundo rural galego é hoxe un mundo de morte matada. Galica ten, según os últimos datos do Instituto Galego de Estadística, xa tan só un 9,03% de afiliados ó reximen agrario da seguridade social, exactamente 77.221 persoas. Pero Galicia ten o 24% de toda a superficie arborada do estado español sobre un 5,8% do territorio español; conta con preto de 600 aserradoiros de moi longa tradición familiar, emprega no sector a 40.000 galegos, e produce a terceira parte da madeira de serra do estado, máis dun tercio en pasta de celulosa, e preto da mitade de taboleiros, onde somos unha industria punteira en tecnoloxía, con 260.000 millóns de facturación anual total. E inda así estamos moi lonxe de acadar o bo camiño.España ten un deficit de 10 millóns de metros cúbicos anuais e en Galicia a madeira acada posibilidades insoñables noutras comunidades autónomas con 6 a 8 metros cúbicos por hectárea e ano para o piñeiro do país e de 15 a 20 para o eucalipto, asunto este último que está a favorecer a plantación indiscriminada desta especie e substitución do antigo bosque climático galego de carballo verino ( Quercus rober) que outrora cubría unha boa parte do país. De entre os problemas crónicos que soporta o sector pódense sinalar, entre outros, a excesiva atomización da propiedade, máis dun 70% da superficie arborada está en mans de 673.000 galegos en explotación de moi baixa rendibilidade, a descapitalización dos nosos bosques autóctonos, a falta de axeitados plans de ordenamento e xestión forestal, o abandono das prácticas selvícolas, ol fomento excesivo de monocultivos con especies de rápido crecemento  que simplifican e empobrecen os nosos ecosistemas e son a base pirófita de moitos lumes, a deficiente integración na política forestal pola escasa información e formación das 2.700 comunidades propietarias dos nosos montes veciñais en man común, a mínima sensibilización social de cara a unha xestión sostible do bosque e das funcións ecolóxica e social que tamén lle corresponde ou á devastadora incidencia dos incendios forestais nas masas arboradas e nos relictos forestais de frondosas autóctonas con preto de 200.000 hectáreas arrasadas polos lumes na última década. Gracias á axuda da Unión Europea para a reforestación de terras agrícolas abandonadas é certo que estamos a abrir camiño de cara ó 2020. Necesitamos dunha gran dose de paciencia e ilusión porque, daquela, incluso un piñeiro plantado hoxe aínda estará moi lonxe do seu normal aproveitamento que é de 30 a 35 anos. Precisamos fomentar o asociacionismo forestal, informar puntualmente ós selvicultores das medidas e das posibilidades que traen os novos tempos, as prácticas selvícolas necesarias en cada momento, os novos avances na loita contra pragas e enfermidades, o traballo diario para a constitución e posta en marcha das comunidades veciñais e o valor dos seus montes, hoxe nunha gran parte ermos e abandonados, o apoio á reforestación con especies autóctonas  como o castiñeiro, frondosa de rápido crecemento que acada ata 10 metros cúbicos por hectárea e ano de posibilidade, o pulo decidido ó plan de mellora xenética forestal de Galicia con accións decididas de cara a conservación e ó aproveitamento das nosas especies nobres como a nogueira e a cerdeira, procurando a identificación de rodais selectos, de árbores plus, de instalación de hortas sementeiras, dunha política valente de adquisición de terras por parte da Xunta de Galicia e de protección oficial das poucas fragas que aínda quedan, reliquias doutrora, dunha ordenación teritorial e dun entendemento de usos sostiblese tradicionais do territorio, que remate coa espiral irracional dos incendios forestais e que obrigue a Administración a apagar os lumes xerados polos gandeiros que necesitan pastos para ter gando e cobrar as primas de ovino, caprino e de vacas nodrizas que paga a mesma administración. E por último, insistindo nos matices ambientais e recollendo conclusións da Declaración de Compostela do pasado ano sobre sostibilidade dos montes, sensibilizar á sociedade sobre a importante función ecolóxica dos nosos bosques, promover a súa xestión sostible, e fomentar a investigación. Por non falar da urxente necesidade de dispor de unha normativa forestal axeitada á Galicia de hoxe e ás singularidades e posibilidades do noso territorio.

     A conservación da biodiversidade, verba que acugula canto vive ó noso redor neste planeta, converterase sen dúbida neste século, que comenza en obxectivo preferente por unha gran parte dos gobernos do planeta, fustigados polas demandas dunha sociedade cada vez máis sensibilizada coa problemática ambiental. A destrucción do pulmón da terra coa talla dos bosques tropicais, a desertización, o cambio climático, o efecto invernadoiro, a chuvia ácida, a contaminación mariña, os residuos nucleares, entre outros, son problemas globais cunha solución que depende de todos e cada un de nós. Incluso en Europa preto do 40% das especies de peixes de auga doce e de mamíferos están nun estado de permanente ameaza. Esta situación reflíctese tamén en Galicia onde especies tan senlleiras como o oso, o cervo ou a cabra montesa extinguíronse hai tempo, e outras como a pita do monte, o sapoconcho, o arao, ou incluso a charrela e o salmón están seriamente ameazadas no noso país. Sen embargo salta á vista que a problemática ambiental non é hoxe, em absoluto, asunto que preocupe ó galego, con raras excepcións como a propia Federación Galega de Grupos Ecoloxistas que aglutina a 25 pequenas asociacións de xente moi nova, con poucas posibilidades, pero con moita ilusión. Evidentemente os gobernos son o claro reflexo do pobo soberano que os elixiu, e Galicia non é diferente. Poderíanse por moitos exemplos, pero poñamos por caso o salmón, a especie nobre por excelencia dos nosos ríos, duns ríos que asemade o goberno debe ter un especial interese en conservar por canto a pesca deportiva entra de cheo nos ambiciosos programas de turismo rural que pretender impulsar e promocionar a Galicia verde. Pois ben, hai 20 anos ( 1980) chegaron a pescarse nos nosos ríos 2.067 salmóns, só dez anos máis tarde capturáronse ¡121!, e o ano pasado ¡tan só 20!. Sei dos esforzos xenerosos que se están a acometer polos organismos competentes, sen embargo bótanse en falta un apoio decidido á conservación, como acción de goberno, que habería de traducirse en importantes investimentos e creación de equipos cualificados e novos departamentos para cubrir os distintos eidos da conservación, acorde coa importancia dos valores do nosos medio natural. Contamos en Galicia con 56 habitats clasificados como de interese comunitario, preto da mitade dos presentes en España; máis de 2.000 especies de plantas vasculares das que 44 son especies de flora endémica exclusivamente galegas, 12 peixes de augas continentais, 15 anfibios, 24 réptiles, 152 aves, 59 mamíferos e 296 especies de peixes mariños no litoral, amais das que visitan periodicamente as nosas costas como baleas, arroaces, caldeiróns, focas, etc.  A esto debemos engadir a calidade -e tamén fraxilidade- das nosas paisaxes, desde as altas montañas orientais, pasando polas penechairas e "terras chas" do interior, ata as dunas, cantís, esteiros e illas do litoral atlántico, que son abofé a admiración de cantos foráneos nos visitan. Entendo que calquera galego que se precie de selo debería estar loitando a cotío por todo isto, e, sen embargo, que lonxe andamos aínda de ter un mínimo entendemento, un algo de responsablidade de cara á conservación de todo o que nos rodea. Dicía Freixanes: "Unha enorme e aparente indiferencia social parece neutralizalo todo", una indiferencia que se espalla alporizantemente sobre os 31.855 lugares esmorecentes de Galicia. Pero o goberno debe ser quen, porque é a súa obriga, de impulsar unha política ambiental consecuente cos novos tempos e as necesidades da conservación, recoller e aplicar as directrices que nos chegan dende o mundo exterior, comenzando polo Convenio de Diversidade Biolóxica asinado en Río e ratificado por España en 1993. A Consellería de Medio Ambiente está a elaborar normas e progamas francamente esperanzadores como a nova lei galega para a conservación da natureza, a estratexia galega para a conservación e o uso sostible da biodiversidade, outra sobre a educación ambiental, a declaración do primeiro parque nacional galego, programas de axuda a población local dos espacios protexidos, e sobre de todo a creación da chamada Rede Natura 2000 por aplicación da directiva comunitaria "Habitats" 92/43/CEE relativa á conservación dos habitats naturais e da fauna eflora silvestres. Logo de varios anos de traballo no que participamos unha morea incalculable de técnicos e expertos da Unión, contamos xa cun instrumento de primeira orde para a defensa dos habitats e especies máis salientables de Galicia, daquela que nos son máis caras, xa raras, endémicas, ameazadas, en perigo de extinción. En Galicia esta Rede que se pretende ecolóxica, coherente, representativa, inclúe na súa proposta inicial a creación de 53 espacios como Lugares de Interese Comunitario (LICs) espallados por todo o noso territorio, desde as montañas limítrofes coa meseta a costa, cunha superficie de 325.000 hectáreas, o que supón o 11% do noso territorio. Esta aposta representa un claro avance na defensa do noso medio natural e é un primeiro paso decidido de cara á súa conservación, considerando asemade que Galicia está hoxe moi por debaixo da media española (6%) ou da recomendada polo proxecto biotopo/Corine da UE (15%), con tan só o 1,3% da súa superficie protexida. A Rede Natura 2000 pode ser, sen dúbida, unha boa e fermosa experiencia a exportar, onde concentrar os esforzos da política de desenvolvemento territorial para o agro e o medio ambiente. Unha oportunidade máis, en definitiva, para devolver a autoestima á xentes do campo, para potenciar a coordinación, a cooperación, e a complementariedade, para incitar á integración e á participación, para promover modelos de desenvolvemento sostible. Porque, así o entendo eu, algún día a sociedade terá que recoñecer e pagar con xenerosidade os servicios que prestan e prestaron os labregos ó longo das centurias na preservación e defensa do medio natural e das nosas paisaxes.

     Quedan moitos temas no aire, moitos retos para o futuro, como a elaboración dun catálogo galego de especies ameazadas, a posta  en marcha de plans de recuperación de especies e de restauración de habitats, de plans de manexo para os humedais da Convención de Ramsar ou as Zonas de Especial Protección para as Aves (ZEPAS), a necesaria e urxente integración da poboación local na xestión dos espacios protexidos, a elaboración de instrumentos de ordenación e de manexo que aseguren a conservación e tamén sostibilidade dos usos nas áreas de protección especial como a Rede Natura 2000, a integración da educación ambiental no ensino, a elaboración de plans de xestión a procura das solucións para os danos producidos pola fauna silvestre, os fomentos dos plans de ordenación e de aproveitamento para unha xestión definitivamente sostible dos recurso cinexéticos e piscícolas aproveitados por case cen mil pescadores e outros tantos cazadores, ó impulso a integración dos criterios ambientais nas outras políticas sectoriais, a creación dunha base central de datos, dun centro galego de biodiversidade, e dun centro de recuperación de fauna mariña que con tanta asiduidade vara nas nosas costas, a participación galega decididamente activa en foros internacionais sobre conservación da natureza, a potenciación sen maior dilación das nosas relacións transfronterizas co Ministerio de Amiente o ICN de Portugal, e un longo, longuísimo etcétera. E, sobre todo, educación, coñecemento, formación,  participación.

    Alguén dixo que o coñecemento é o recurso máis estratéxico, e a aprendizaxe o proceso máis importante. Sen dúbida, Galicia necesita urxentemente de ambos os dous instrumentos no eido do medio ambiente. Estamos a dilapidar o patrimonio natural con excusa do desenvolvemento e modernidade, da globalización e a mundialización, e, sen embargo, un gran ermo, vacuo e silencioso, un bafo estarrecente chegado das serras e do mundo rural galego, arrodea as grandes urbes da emigración interior.

                                                    23 - setembro - 2000

 espa.gif (2151 bytes)  Salir.                                                 galicia.gif (2685 bytes)  Saír.