COMUNICADOS DA COORDINADORA 29-03-2001

"Ponte do Areal. Río Umia. Caldas de Reis, Cuntis e Moraña." "Encoro non demolición"

Coordinadora Anti-Encoro de Caldas de Reis, Cuntis e Moraña  

Apartado de Correos, 21 - 36650 - CALDAS DE REIS (Pontevedra) 

e-mail: rioumia @ navegalia.com    o    kabalos @ teleline.es  

 

 

COMUNICADO DA COORDINADORA

 

A Coordinadora informa que no dia de hoxe presentouse no TSX o recurso de súplica contra a decisión de autorizar o peche do encoro, recurso baseado nas propias sentencias do Tribunal, no anteproxecto da Xunta e nas conclusións do Colexio de Enxeñeiros de Camiños de Galicia que en datas recentes manifestaron en comparecencia pública en Pontevedra que o encoro non sirve para remediar as enchentes.

 

Por outra banda a Coordinadora Anti-Encoro tacha de campaña de imaxe a actuación en Caldas de Cuíña e Tobío, onde fixeron de actores protagonistas para montar a película de que ambolos dous preocupanse moito do pobo de Caldas e dos seus problemas.

 

Aínda que o Sr. Cuíña pretende insultar a nosa intelixencia dicindo que en pouco tempo as enchentes de Caldas serán historia, a Coordinadora lembra que no pasado mes de decembro o Conselleiro afirmaba que non se faría o dragado do río mentras o encoro non estivera funcionando plenamente e agora resulta que sin que se dea esa circunstancia e de maneira urxente dragan o río,  van “limar” a ponte de ferrería, ... etc.

 

Está claro que estas medidas se toman, desta maneira urxente, porque precisamente o peche do encoro demostrou que este é un problema engadido para as enchentes porque despois de que na tarde do pasado dia 20 o encoro empezara a rebosar, Caldas estivo coa auga fóra do río varios dias despois de que acabara de chover.

 

Tamén merece destacarse o feito -recoñecido por eles mesmos- de que estas “obras complementarias de emerxencia” estanse a facer sen proxecto previo e, por suposto, sin a intervención de Medio Ambiente, e por iso mesmo no dia de onte foron destruídos centos de alevíns de varias especies sen adoptar medida algunha de protección e sen que houbera circunstancias especiales que aconselleran semellante aberración contra a fauna do río.    Así, varios veciños de Segade poden acreditar como a apertura e peche de comportas que de maneira continuada se está a facer desde o sabado pasado implicou a morte de troitas e anguías que quedan na beira do río cando este baixa de repente.

 

Tódolos técnicos consultados pola Coordinadora afirman que as enchentes nunca se poderán evitar totalmente pero que unha serie de medidas combinadas e absolutamente respetuosas co medio ambiente poderían remediar en alto grado este problema, como a limpieza das marxes, o dragado controlado e supervisado por biólogos especialistas para non dañar irreversiblemente o leito do río, e por suposto a prohibición taxante de efectuar recheos preto do río, que é realmente o problema máis acuciante e que non interesa abordar porque había que facer o encoro para o aproveitamento hidroeléctrico.

 

Para a Coordinadora non hai ningunha dúbida de que foi a constatación de que o encoro era un problema e non unha solución o que levou a Cuíña e ó Alcalde de Caldas a tomar estas decisións tan urxentes porque senón o dragado poderíano telo feito anteriormente para evitar as enchentes tan graves dos últimos meses.

 

Por último a Coordinadora informa que mañá, venres, ás 10,30 h. están citados no Xulgado de Caldas 5 membros deste colectivo e dúas veciñas, por denuncias da Garda Civil por desordes públicos o 4 de agosto de 1999, desordes que por suposto negan, considerando que estas denuncias son contra a liberdade de expresión e o dereito de opinión xa que nunca nin a Xunta nin a empresa poideron acreditar danos de ningún tipo debido á conducta absolutamente legal e pacífica dos veciños.

 

Caldas de Reis, 29 de marzo de 2001

 

COORDINADORA ANTI-ENCORO DE CALDAS DE REIS, CUNTIS E MORAÑA


Vovel a la página "O encoro do Umia" Saír gal.                                               Vovel a la página "O encoro do Umia" Salir esp.