Demolición da presa do Umia ¡¡xa!!

A   AUGA  INSERVIBLE

E   O   RÍO   DESFEITO

Setiembre - 2010

 

Ver en que se basan estas peticións, así como a convocatoria dunha manifestación que terá lugar en Caldas de Reis o sábado día 2 de octubro do 2010.

AUGA PARA BEBER E RÍO PARA DISFRUTAR

Un verán máis a contaminación da auga do río por cianobacterias do xénero Microcystis ten obrigado ás nosas autoridades municipais a interromper o subministro de auga potable dende a captación do río Umia en Segade (Calas de Reis)  pasando, como en veráns anteriores, a sermos abastecidos por medio de camións cisternas dende os depósitos da ETAP de Vilagarcía, sen que, sen embargo, ninguén nos poda asegurar a completa salubridade desta outra auga que ten a súa captación a apenas uns centos de metros río abaixo.

A ORIXE DO PROBLEMA: A CIANOBACTERIA MICROCYSTIS

                De todos é ben sabido que os problemas do río teñen a súa orixe na proliferación explosiva da poboación de cianobacterias do xénero Microcystis nas augas do encoro de Baxe e que, dende aquí, pasa directamente ao fluxo do río para ir, pouco a pouco, colonizando todo o río augas baixo da presa.

                Non obstante, a contaminación preocupante, -o mesmo para a sáude de todas e todos nós que para a saúde do río-, non está tanto nesta elevada poboación de cianobacterias como na elevada e extremada-mente grave toxicidade da cianotoxina, -coñecida co nome de microcistina-, que estas cianobacterías liberan ao morrer,  toxina que, sendo perfectamente soluble en auga, inmediatamente  se incorpora a esta sen que poda ser retida por ningún método de filtración nin tampouco totalmente destruída polos máis eficientes  sistemas de oxidación (ou ozono) usados nas estacións de tratamento de auga potable, co agravante de poder dar lugar a produtos de degradación da microcistina non menos preocupantes, como benceno e benxzoderivados de elevado poder canceríxeno.

 

A MICROCISTINA: UNHA TOXINA ALTAMENTE PREOCUPANTE PARA A NOSA SAÚDE

 

                É moito o que falta por estudar da toxicidade destas cianobacterias. Aínda así os informes da Organización Mundial da Saúde (OMS), incorporados á última edición da súa Guía de calidade da Auga Potable, teñen demostrado que a microcistina da lugar a importantes danos no sistema hepático  (efectos hepatotóxicos), a importantes problemas intestinais e a graves efectos neurotóxicos sobre o sistema nervioso central. Advirte así mesmo a OMS de que hai probas sobre  o papel da microcistina como indutora ou desencadéante de procesos tumorales e de que, ademais, poden presentarse efectos acumulativos no organismo o que implica que non haxa para estas microcistinas unha dose mínima de seguridade.

                Esta intoxicación por inxestión de auga de boca é a máis coñecida e perigosa vía de intoxicación destas toxinas, pero están  tamén documentados outras vías de intoxicación: tanto por inhalación a través das vías respiratorias como por vía cutánea ao terse bañado en augas contaminadas.

                Aparte desta toxicidade son motivo de preocupación para a Organización Mundial da Saúde outros dous aspectos: o primeiro refírese a que estas microcistinas non presentan unha sintomatoloxía específica co cal é doado que moitos casos de intoxicación pasen totalmente desapercibidos; o segundo refírese á dificultade de detección por métodos analíticos rutinarios de concentracións de microcistina por debaixo de 1 microgramo/L, co cal queda moi limitado o marxe de seguridade que, na práctica, se lle pode esixir á auga potable.

 

 

A MICROCISTINA: UNHA TOXINA TAMÉN PREOCUPANTE PARA A VIDA DO RÍO

                Esta contaminación por cianobacterias non é só un preocupante problema para a calidade da auga potable; é tamén un gravísimo problema para a vida do río, en primeiro lugar, porque, -con independencia da toxicidade da microcistina-, a proliferación bacteriana priva de luz e de osíxeno  á toda a columna de auga facendo inviable calquera outra forma de vida. Pero a maiores a presenza de microcistina na auga do río vai ter un efecto selectivo sobre o conxunto da fauna fluvial, -vertebrados ou invertebrados-, subsistindo só aquelas especies resistentes a ela co que vai ter lugar un efecto de bioconcentración e biomagnificación ao longo da cadea trófica que, tarde ou cedo, tamén acabará por chegar ata nós.

 A NOSA SAÚDE E A SAÚDE DO RÍO NECESITAN SOLUCIÓNS URXENTES:

                Ante este problema de contaminación que se repite ano tras ano; e ante o grave risco que esta conta-minación representa para a nosa saúde e para a saúde do río; ante a perda de calquera oportunidade recreativa e de ocio no río e nas súas beiras; e, por suposto, ante o encarecemento innecesario da factura da auga debido aos incrementos de custos na depuración, nas análises e no transporte de auga potable, nada máis urxente que esixir da Xunta de Galicia e do Concello unha solución definitiva aos problemas do río e da auga potable.

 

QUE SOLUCIÓN?  

….A  DE SEGUIR  NA INSENSATEZ  DO NEGOCIO ...

                Pensando en incrementar o negocio da auga, son moitas as solucións que cabe propoñer. No que á auga potable se refire, pode propoñerse buscar outra captación ou (maior negocio aínda) propoñer a construción dunha batería de depuradoras en serie, cos máis eficientes sistemas de depuración, de forma que a auga, despois, de pasar por todas elas teña unha aparencia máis saudableMais que facer co río?

                Resolto o problema da auga potable, pode alguén pensar en resolver o problema do río impedindo o arrastre de nutrientes ata o encoro. Podería pensarse, por exemplo, en prohibir o emprego de puríns e abonos orgánicos na pouca agricultura que queda hoxe na cunca do Umia ademais de talar toda a vexetación de ribeira das beiras do río augas arriba do encoro. E aínda así, dado que se trata de cianobacterias tan austeras que mesmo pode metabolizar recursos do solo, habería que acabar cimentando o vaso do encoro.

                Tamén se podería, -porque non?-, pensar en refrixerar  a auga do encoro, impedindo así a prolife-ración bacteriana ou en cubrir toda a lámina de auga do encoro (actualmente xa morto) cunha lona opaca a luz, co cal a función fotosintética sería imposible e quedaría eficazmente impedida a supervivencia de todo tipo de cianobacterias.

                Por suposto, a conta dos veciños e veciñas da poboación de Caldas, que son os beneficiarios (únicos) de tais actuacións.

 

…OU A DO SENTIDO COMÚN….

                Se esta proliferación explosiva de cianobacterias ten a súa orixe e o seu hábitat idóneo na auga encorada da presa de Baxe; se na auga que circula libremente non hai lugar a ningunha floración deste tipo, quen non teña o seu sentido común atrofiado polas corruptelas e fraudes que conduciron a construción do encoro non pode menos que propoñer a DEMOLICIÓN dunha presa que non ten servido  nin nunca vai poder servir para ningún dos usos que se nos dicía con motivo da declaración de utilidade pública.

 

-E IMPRESCENDIBLE…

Non podemos seguir consentindo na morte do río  e no envelenamento de  todas e todos nós.

-É DE XUSTIZA…

Ou é que acaso o negocio hidroeléctrico é de maior valor que a nosa saúde e a saúde do río?

Ou é acaso xusto que os veciños e veciñas de Caldas teñamos que pagar uns sobrecustos por un abastecemento de auga sen garantías de salubridade para non tocar ao negocio hidroeléctrico sexa de quen sexa?

-É DE LEI:

Así o mandan a Directiva Marco da auga que pon a prioridade na defensa da calidade das masas de auga e na recuperación dos ecosistemas fluviais. Así o manda a vixente Lei de Augas que da absoluta prioridade, por riba de calquera outro uso,  ao abastecemento de auga á poboación

 -E ADEMAIS É DE SENTIDO COMÚN…

 

SÁBADO, DÍA 2 DE OUTUBRO DE 2010, ÁS 12, NO ENCORO, ACTO REIVINDICATIVO

 

A FAVOR DUNHA SOLUCIÓN DEFINITIVA PARA A AUGA E O RÍO

AUGA PARA BEBER, AUGA PARA A VIDA ANTES QUE O NEGOCIO

 

Ver a prensa destos días como trata o tema.

 

 

 

SÁBADO, DIA 2, ÁS 12, NO MURO DO ENCORO

ACTO REIVINDICATIVO

PARA SOLICITAR UNHA SOLUCIÓN URXENTE

AO PROBLEMA DA AUGA E DO RÍO

dun río sano, unha auga sana!

… é cousa de todas e todos!

 

ADEGA         COORDINADORA ANTIENCORO

 

                                               Salir.                               Saír.