COMUNICADO DA COORDINADORA ANTI-ENCORO DE CALDAS DE REIS, CUNTIS E MORAÑA

  

 

A Coordinadora Anti-Encoro esixe ó Conselleiro de Medio Ambiente que faga públicas as cantidades  –primeiro en pesetas e despois en euros-  do erario público que se teñen fundido na obra do encoro.

 

Ese é un dato crucial para adoptar decisións cara ó futuro porque nin é o conselleiro, nin é o responsable de Augas de Galicia, nin é o presidente da Xunta os que van pagar do seu bolsillo as novas actuacións que se anuncian no Umia.

 

É un dereito da cidadanía, que é en definitiva a que paga todo e a todos, que se lle digan cantos cartos se destinaron desde que nun principio licitaron a obra por preto de mil cincocentos millóns das antigas pesetas, ata o día de hoxe.

 

É mentir descaradamente á cidadanía dicir que o encoro regula o caudal do río (¿onde estaba o señor conselleiro no 2006 cando se inundou Caldas?).  É mentir descaradamente tamén cando, a sabendas, infravalora o perigo da microcystis para a poboación só para manter no río un aproveitamento privado.

 

En calquera caso a rigurosidade de Agustín Hernández quedou ben patente para todos cando asinou a famosa fe de erratas do estudio de impacto ambiental (lembremos: donde dice Puebla de Guzmán debe decir Caldas de Reis …), pero como responsable público ten a obriga de actuar con transparencia cando se fala de cantidades en millóns de euros, que son de todos nós.

 

A posición da Coordinadora é clara e meridiana desde un principio: o encoro non era para abastecemento de auga senón para aproveitamento hidroeléctrico, e o paso do tempo non fixo senón confirmar aquela verdade.   Por iso, non flaquearon loitando contra aquela obra fraudulenta e agora tampouco flaquearan para conseguir que o encoro desapareza do río. Sen presa pero sen pausa seguirán denunciando as irregularidades do Umia.

 

Respecto da postura doutros personaxes nesta historia, como o alcalde de Caldas Juan Manuel Rey, a Coordinadora non pensa entrar a valoralas, toda vez que este responsable municipal un día defende a construcción do encoro como remedio ás enchentes e ó día seguinte pide a demolición, culpabilizando exclusivamente á Xunta dos problemas coa auga, despois da estreita colaboración para o peche de comportas no ano 2001.

 

A construcción do encoro foi un fraude e agora segue sendo un fraude o que proxectan.  Para a Coordinadora falta o estudio principal e o que remataría para sempre co problema da toxina: o proxecto de desmantelamento do encoro.

 

 

Caldas de Reis, a 16 de novembro de 2010

 

 

 

Saír.                                                   Salir.