05-04-2001

ENTREVISTA DE VIEIROS A PALOMA FERNÁNDEZ . VOCEIRA DA  COORDINADORA ANTI-ENCORO DO UMIA.

Levan moito tempo loitando contra esta obra. Pero o encoro está construído e
agora o Tribunal Superior de Xustiza permitiu que entrara en funcionamento.
¿Aínda lles quedan esperanzas?


O Tribunal caeu nunha grande contradicción. Na súa primeira sentencia dixo que o encoro non solucionaba os problemas das inundacións en Caldas, tal e como se demostra nos moitos informes dos que dispoñemos. E agora permite abrilo. Os feitos demostran que o encoro non serve. Na noite do 19 ao 20 de marzo choveu 19 horas seguidas. O encoro botou por fóra e a auga foi para Caldas, que estivo cinco días inundado. Por iso nós recorremos en súplica a última sentencia do tribunal, aínda que só sexa para que conste que o facemos.

 

¿Como se explica este cambio na sentencia despois de tres anos dándolle a razón á Coordenadora?

O Tribunal cambiou de actitude baseándose nos feitos consumados. Á fin e ó cabo o encoro xa está construído, aínda que fora ilegalmente.



¿Por que ilegalmente?

Cando a Coordenadora presenta un recurso contra o encoro as obras teñen que ser paradas á espera de que o Tribunal estudie os argumentos das súas partes e emita unha sentencia firme. Pero a Xunta seguiu coas obras, baseándose precisamente en que non había unha sentencia firme que as impedira. Na sentencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia de abril do 99 déuselle a razón á Coordenadora, declarando ilegal a expropiación das terras das beiras do río, que polo tanto non se poderían ocupar polas obras. A Xunta recorreu esa sentencia e ao mesmo tampo seguiu traballando no encoro. Logo, en xuño do 99, o Tribunal volveu ordenar a suspensión cautelar das obras, que despois se alzou en decembro. Pero neses meses a Xunta proseguiu coa construcción do encoro coa protección da Garda Civil. Parece ser que a lei é Cuíña. Hai persoas que teñen moi desenvolvido o autoritarismo e que se cren que están por riba de todo. A Coordenadora puxo unha denuncia por incumprimento dunha orde xudicial. Aínda estamos esperando.
Ademais, Fraga e Cuíña, que tanto falan do respecto pola Constitución estana violando. O artigo 33 di que ninguén pode ser expropiado se non é para algo de utilidade pública. O artigo 45 recolle a obriga dos poderes públicos de velar polo uso racional dos recursos naturais. Fraga, que di que é un dos pais da Constitución, non debe coñecer eses artigos.



¿E que pasaría se ó final os Tribunais, nesa sentencia definitiva, lle deran a razón
ós veciños cando o encoro xa está construído?


A outra parte, é dicir, a Xunta, tería que pagarlle unhas indemnizacións. Pero isto significa que non pasaría nada. A Xunta paga co erario público, logo é o cidadán o que paga. Aos verdadeiros culpables non lles pasaría nada.

¿Cal é a posición dos alcaldes dos tres concellos afectados, Caldas Cuntis e Moraña? ¿Cal é o seu papel na loita contra o encoro?

Os alcaldes de Cuntis e de Moraña están contra o encoro, pero actúan desde detrás da Coordenadora cando eu penso que deberían estar sempre por diante. O alcalde de Caldas, José María Tobío, está do lado dos que queren o encoro.

Pero nos anos 98 e 99 puxo varias denuncias contra a obra.

Si, pero agora abandonou a loita porque pensa que é utópica. Considera que vale máis a pena recibir cartos da Xunta para asfaltar camiños de cara ás próximas eleccións. El quere seguir sendo alcalde sexa como sexa. Agora sae con Cuíña nos actos públicos, case abrazándose a el. O domingo día 25 de marzo estivo ó lado do conselleiro cando este pulsou o botón para que se pecharan as portas do encoro. Por certo que eu tamén fun convidada a estar alí. O propio Cuíña enviou dúas policías para que me fixeran a invitación. Eu estaba alí cos veciños para protestar, coma sempre, e nin sequera sabiamos que ía ir o conselleiro. Pero Tobío si que estivo ao seu carón. Desde o meu punto de vista defraudou ao pobo.

O alcalde de Caldas di que vostede se move por razóns políticas.

O alcalde é do PSOE e eu son membro do BNG. Pero na Coordenadora non son de ningún partido, só do río. Escolléronme como voceira porque son avogada e creuse que podería transmitir mellor o que fora pasando coas denuncias e coas sentencias. Pero dende o principio fun atacada, era un branco fácil. Eu podo ter as ideas políticas que queira, igual que o alcalde tén as súas. E os outros membros da coordenadora e os veciños afectados terán tamén as súas ideas. Pero en canto ao encoro a idea de tódolos membros da Coordenadora é a mesma. Porque temos informes que nos dan a razón e por iso seguimos coa loita.

¿Que é o que din eses informes?

Que o encoro non é para abastecer de auga o Salnés e que tampouco serve para evitar as inundacións en Caldas, como quixo facer crer a Xunta. O encoro non á para a utilidade pública senón para o aproveitamento hidroeléctrico, que é un uso privado. E como a lei di que non se pode expropiar máis que para obras de utilidade pública, as leiras das beiras do Umia non son expropiables. Aí foi onde nos deu a razón o Tribunal Superior de Xustiza, aínda que agora cambiara de opinión con respecto a utilidade do encoro para evitar o desbordamento do río.

Segundo os seus informes, ¿cal sería a solución para o problema das inundacións?

Un enxeñeiro que colabora con nós afirma que só un necio diría que se poden facer desaparecer as inundacións en Caldas. Só se poden paliar mediante a limpeza controlada ds marxes e o dragado ben estudiado. Ademais pódense tomar medidas de precaución cando chove. E aí está outro dos problemas do encoro. Os veciños saben cando chove e poden estar preparados. Sen embargo non saben cando se
van abrir as comportas do encoro. Pero para ver que o encoro non serve non fai falta ningún estudio, é de sentido común. Cando se encha o encoro e se abran as comportas a auga non vai volver cara riba, senón que irá cara baixo, cara Caldas. E isto xa se demostrou nestes días. Agora estase facendo un dragado do río. ¿Por que non se fixo en outubro? Porque interesaba que cos temporais de decembro e de xaneiro Caldas se inundara para que a xente pedira o encoro. E Fraga dixo
por aquel entón que se non estaba funcionando xa era pola culpa da Coordenadora e dos recursos que poñía continuamente ante os tribunais, que retardaban as obras. O 19 de febreiro o encoro empezou a funcionar, aínda que non plenamente, e desbordou.

A Coordenadora anti-encoro denunciou tamén o perigo de derrubamento.

Están abertas as dilixencias por ese tema. Contamos co informe de Enrique Orche, enxeñeiro da Universidade de Vigo, no que se denuncia a falta de estudios xeolóxicos e xeotécnicos. No anteproxecto remítese a estudios da Xunta do ano 1971, pero agora hai métodos de estudio máis avanzados. Ademais, no informe, o enxeñeiro afirma que o terreo non é o axeitado para construir o encoro. Di que é
coma facer un muro de ferro na area da praia, a area acabará cedendo. En agosto do 99 os membros da coordenadora descubriron unha grieta de preto de catro
metros. Cando quixemos levar a un experto que a analizase non se nos permitiu o paso. Temos imaxes de televisión, porque cando se descubriu a grieta estábase facendo alí unha reportaxe, e os expertos din que pola súa forma non se trata dunha simple xunta de dilatación. Despois da denuncia os Tribunais nomearon un perito para que a analizase. Agora estamos á espera da resolución. O único que queremos é estar seguros de que non vai pasar nada.

A outra teima da Coordenadora é a defensa medioambiental. Aseguran que o
encoro estraga o entorno e perxudica a algunhas especies. A Xunta nega estas
acusacións.


O estudio de impacto medioambiental que fixo a Xunta referíase a Huelva. En vez de falar do Umia falábase do Guadiana e no sitio de Caldas aparecía Puebla de Guzmán. Nese estudio nomeábanse especies que non existen na zona e non as autóctonas, coma o mexilón de río que está en perigo de extinción. Contamos con varios informes que falan das deficiencias do estudio da Xunta e o Valedor do pobo ratificou as denuncias da Coordenadora. Tamén están abertas as dilixencias na UE. Os representantes do PP no Parlamento europeo pediron que non se admitira a nosa denuncia porque respondía a intereses políticos, xa que o lago Umia, como eles lle chamaron, era ideal para facer o encoro. Pero a denuncia admitiuse ata que o goberno non explicara por que o estudio de impacto medioambiental se refería á outra punta da península. Isto foi en xuño do 98 e a
denuncia aínda está aberta.

¿E a Consellería de Medio Ambiente?

Está desaparecida. Para min o conselleiro de Medio  Ambiente é un gran culpable do que está pasando, por omisión, porque non fixo que se cumpriran as normas de
protección medioambiental. Por iso a Coordenadora puxo denuncias. Tamén pedimos unha entrevista co conselleiro, pero non se nos concedeu.


Na súa páxina web a Xunta afirma que, xunto co encoro, se realizarán obras para potenciar o atractivo turístico da zona. ¿Tén a coordenadora coñecemento
destes proxectos?


É imposible facer que aquilo sexa máis fermoso. O único que  hai que facer é protexer o que existe. O encoro vai estragar toda a zona, onde hai unha fermosa rota de muíños, unha fervenza e unha ponte da primeira metade do século
pasado. Os proxectos da Xunta son só poñer catro bancos nas beiras do río e un mirador para ver a auga encorada.


O turismo co que conta a zona é motivado maioritariamente pola existencia das augas termais. ¿Pódelle afectar o encoro?

Nós cremos que si. Existe unha Dirección xeral de Augas Minero-medicinais, dependente da Consellería de Industria, pero non se pronunciou sobre o tema. A Coordenadora non puido facer os estudios necesarios porque custan máis dun millón de pesetas e nós non temos eses cartos. A asociación COAGRET (a Confederación Nacional de Afectados por Grandes Encoros e Trasvases) é a que nos axuda dende o punto de vista técnico para elaborar os informes, pero tampouco pode facelos todos. E a Xunta non se preocupou por  elaboralos, nin tampouco as asociacións de balnearios.

E dende o punto de vista económico, ¿están aí as vantaxes do encoro?

Para algúns. Estes negocios terían máis escusa se os aproveitara unha empresa pública, porque os cartos revirtirían no cidadán. Pero os investimentos fanse con cartos públicos, procedentes da UE. Eses son cartos de todos pero os beneficios van ser só para a empresa privada. Hai un cánon de vinte millóns ao ano para cada concello afectado, que serán distribuídos pola Deputación de Pontevedra para gastalos no que ela queira. Pero iso non é nada comparado cos dez millóns diarios que pode gañar a empresa Cortizo, a que aproveitará o encoro. Ademais non podemos esquecer que a paisaxe tamén tén un valor económico. O feito de que poidamos relaxarnos na natureza ó sair do traballo tamén vale cartos, porque trátase da calidade de vida e así o recoñecen xa a maioría dos economistas.


E os donos das fincas, ¿que reciben eles?

Hai xente que vendeu e que está pendente de cobrar dende o ano 98. A táctica que
utilizan é a seguinte: fan saber que se lle pagou moi ben a un veciño para que os outros se apuren a vender. Pero logo teñen moito que esperar para cobrar. De todos os xeitos a maioría dos veciños non están dispostos a vender, porque lle queren ao río e á súa terra máis que aos cartos que poidan conseguir.


¿...a pesar das presións que denunciou a Coordenadora?

Si, a pesar das presións. Houbo veciños que recibiron chamadas e visitas nas súas casas para que venderan. O problema é que non hai probas. O presidente da asociación de propietarios Encoro non denunciou as ameazas de tres homes que o visitaron no seu domicilio e que lle dixeron que tivera coidado, porque se non vendía lle podería pasar algo.
E case todos os membros da Coordenadora tivemos algunha chamada dese tipo.

¿De onde cre que proceden esas presións?

Non temos probas, así que non podemos decir nada. Pero sería moi forte pensar que poden proceder da Xunta.

¿E aínda así os veciños queren seguir coa loita?

Eles, igual ca min, non perden as esperanzas. Seguen ingresando cartos na conta da Coordenadora, o noso único modo de financiamento. Iso quere dicir que non se renden. Aínda esta semana ingresaron, a pesar da úlima sentencia contraria do Tribunal. Así poderemos seguir coa loita, porque estamos gastando moitos cartos, aínda que só sexa en fotocopias e en fax. Esa é unha grande ironía. A Xunta paga cos cartos de todos, de aí a nosa desvantaxe. A Coordenadora tén que pagar os seus avogados e os da Xunta tamén, os seus informes e os da Xunta tamén.

A Coordenadora Anti-encoro do Umia tamén está acudindo ao xulgado por mor de denuncias presentadas contra ela.

Temos moitos xuízos pendentes. Algúns por desordes públicas, cando o único que facemos é protestar pacificamente. Nunca tocamos nin sequera unha tubería das obras. Tamén temos un xuízo por mor dunha obra de teatro na que representabamos a Franco inaugurando o encoro. Queriamos denunciar que este proxecto é da época franquista. Eu creo que estes xuízos son contra a liberdade de expresión.

O Plan hidrolóxico de Galicia prevé a construcción de 24 encoros. ¿como o valora?

A Xunta está permitindo que se destrúa o noso entorno. Os nosos ríos teñen moito valor. Hai un tempo un catalán dicíame que seguiramos loitando para que non nos pasara o que acontece en Cataluña, onde en vez de ríos teñen cloacas. E non só os ríos, estase acabando co medio ambiente en xeral. Vai chegar un día no que pagaremos unha entrada para poder relaxarnos abrazando unha árbore.



Inés Dopazo

Esta entrevista está publicada en Vieiros o día 05-04-2001.

Vovel a la página "O encoro do Umia" Saír gal.                                                            Vovel a la página "O encoro do Umia" Salir esp.