COMUNICADO DA COORDINADORA.


  O Conselleiro de Obras Públicas e o Alcalde de Caldas aseguran que as inundacións pasaron á historia coas obras do encoro e os muros de contención mentras o Consello da Xunta do xoves 29 de setembro aproba un Plan de Emerxencia onde aparece Caldas de Reis como o Concello con máis risco de Galicia en caso de inundacións

A Coordinadora esixe que se pronuncie o Director Xeral de Protección Civil

No Plan de Protección Civil para emerxencias e situacións catastróficas, aprobado o xoves da pasada semana no Consello da Xunta aparece Caldas de Reis como o Concello con máis risco de Galicia en caso de inundacións. Iso a pesar de que entre a construcción do encoro e os muros de contención se levan gastado preto de dous mil millóns de pesetas.

A Coordinadora está dacordo con Protección Civil en que agora, co encoro cheo de auga, o risco para os veciños é máximo. Asi mesmo a Coordinadora denuncia que a construcción dos muros de contención (que non estaban previstos no proxecto sometido a información pública no 95) é debida a que o dia 23 de marzo deste ano o encoro encheuse e botóu por fóra en menos de 24 horas. De maneira inmediata Cuíña e o Alcalde de Caldas apresuráronse a facer o dragado do río e os muros de contención (polo procedemento de urxencia).

É moi importante asi mesmo non esquencer que no proxecto que saeu a información pública no 95 non se cita por ningunha parte a regulación do río para prevención de riadas figurando como única finalidade do encoro a de abastecemento de auga á Comarca do Salnés con base nunha suposta sequía, e que na propia Memoria do anteproxecto afirmase textualmente que o encoro "...non ten a finalidade de palia-las inundacións do Umia ó seu paso por Caldas debido a que estas teñen a súa orixe na confluencia dos rios Chaín, Follente e Bermaña ..."

Xa en xaneiro de 1996 a Coordinadora denunciou públicamente que o encoro era única e exclusivamente para aproveitamento hidroeléctrico cousa que a Xunta negou rotundamente ata que a finais de 1998 aparece a concesión hidroeléctrica e xa comenzan a falar da necesidade do encoro para regular o río (a pesar do que dí o propio anteproxecto) á vista de que o abastecemento urxente de auga non convence, e pensando que os desbordamentos do rio ó seu paso por Caldas aparecen como unha coartada perfecta cara á opinión pública.

En 1999 o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia anula a urxencia do Decreto e todo o proceso de expropiación en base a que (literal) ....

"No se conoce demanda de abastecimiento urgente de agua y al no darse esa situación de sequía NO se justifica la urgencia ..... Tampoco puede entenderse como justificación de aquella urgencia la regulación del río para evitar las inundaciones ya que tal finalidad viene descartada en el propio anteproyecto ....."

A pesar desta sentencia a Xunta continúa coas obras e coas ocupacións de terras. Sucédense cargas policiais, detencións de veciños e máis denuncias.

A Coordinadora insiste nas denuncias de que co encoro en funcionamento o problema das inundacións será maior e os veciños pasarán a vivir en risco permanente.

 

Nese mesmo ano a Coordinadora reparte ós medios de comunicación un informe dun especialista en enxeñería ambiental da Universidade de Vigo que ven a ratificar outros de expertos anteriores sobre a incidencia negativa do encoro nas enchentes, explicando pormenorizadamente e de maneira sinxela por qué o encoro suporá un agravamento da situación, ó contrario do que se afirma desde a Xunta.

En marzo deste ano 2000, concretamente o dia 23 cando Cuíña ordenou o peche das comportas o encoro botou por fóra en menos de 24 horas producindo a inundación máis duradeira en Caldas, xa que a rúa Real continuaba chea de auga despois de dous días sen chover debido á que seguía baixando do encoro.

A pesar de iso Cuíña, que repite visitas a Caldas insiste en vender a obra como unha marabilla, acompañando sempre de Tobío, asegurando o primeiro que "A menos que se produza un novo diluvio universal Caldas non volverá a padecer riadas....", mentras que Tobío afirma que "o problema secular de inundacións en Caldas pasou á historia con estas obras ..."

Pois ben, resulta que o dia 29 setembro de 2001 o Consello da Xunta aproba o Plan de Emerxencias de Protección Civil no que aparece o Concello de Caldas de Reis como o de máis risco de Galicia en caso de inundacións. Unha de dúas: ou Protección Civil non sabe o que fai ou realmente estamos nas portas nun novo diluvio universal.

Caldas de Reis, 4 de outubro de 2001

 

 

COORDINADORA ANTI-ENCORO DE CALDAS DE REIS, CUNTIS E MORAÑA

Apartado de Correos, 21 - 36650 - CALDAS DE REIS

 

 

 

Encoro do Umia. Dibuxo.

 

Dibuxo Do encoro de Caldas de Reis. A poucos kilómetros Caldas. Todo un risco, que agora ve Protección civil.

 

 

 

O encoro de Caldas unha auténtica aberración.

salir.jpg (922 bytes) Sair.